|
Ábrese este volume cun artigo de Luis
Blanco Vila, secretario do xurado do Premio Internacional "Vieira de Humor", no
que ademais de facer certas referencias sobre dito premio, tamén realiza
un comentario sobre o relato "O vello das pombas". A continuación
ofrécense os seguintes relatos. "O vello das pombas" é a
composición coa que Luís Iglesias de Souza obtivo o Premio
Internacional "Vieira de Humor" na súa segunda edición, ademais
de ser a que lle dá nome a este libro. Conta a tenra historia de Xan o
Virolas, que vendo as miserias que padecen a cotío os seus
netiños, decide darlle morte a unhas pombas para poder alimentalos.
"A Filla da Lúa" relata cómo unha fada das boas se namora dun
mozo humano e logra, gracias á axuda da súa avoa, poder conseguir
o seu amor. "A casa do trasmundo" narra o sucedido a un pequeno rapaz, que
levado á loucura por medio das arguicas da súa nai e do seu
amante, decidirá rematar coa súa vida. "Estas son as cartas
dun romántico amor imposible" presenta o cruzamento dunha serie de
cartas entre un home e unha muller, a cal chegará a concederlle unha
cita, logo da continua insistencia del. "Bieito e o raposo" narra o
acontecido a Bieito cando se atopa cun golpe con capacidade para falar, que
tras darlle morte logo de pedirllo o animal, regalaralle o seu pelello con
propiedades máxicas. "Historia do famoso cazador que se chamaba
Heriberto" relata cómo este vai facendo gala dos seus cinco
últimos trofeos de caza. O último deles, presentado con certa
retranca, é unha peza íntima feminina. "Tres cartas a unha
amendoeira" mostra tres misivas familiares que falan dunha amendoeira, que
provocara grande dor e tristura a certos membros desa familia. "Retratos de
esguello" presenta unha parodia satírica dunha serie de personaxes como
son o inspector do fisco, o nomeado crítico de arte, o médico
novo e o señor xuíz. |