blix



AUTOR         ·         LECTOR          ·         COLECCIÓN         ·         XÉNERO         ·         ANO



Todo vai ir ben Silvestre Gómez Xurxo: Todo vai ir ben
Col. Fóra de Xogo, 81. Eds. Xerais. Vigo, 2005

Minia está triste: observa que papá e mamá están cambiados pois non teñen ganas de música e bromas. Desafoga contándollo na cama a Churbi, o osiño de peluche que lle regalaron cando naceu e agora ten coma ela case 15 anos, que é o seu mellor confidente pois o seu irmán, Tomé, é moi pequeno: só ten 9 anos. Carme, a mai, está de baixa por unha picada de dor nas costas ao cargar cunhas bolsas da compra. Minia atérrase ao lembrar a experiencia da mai de hai 6 anos, cando lle tiveran que extirpar a mama por un cancro, e logo foi a sesións de quimioterapia que a deixaban durante dous días baldada, con vómitos e sen pelo.
Os seus temores vense confirmados co diagnóstico do oncólogo: a mai ten un tumor no fígado con metásteses nos ósos. Nunha clínica de Pamplona ratifícano. Carme non se sente con forzas para a nova batalla, que será máis dura que a anterior, aínda que ten razóns para vivir: os nenos, o seu traballo de avogada, as viaxes... Cando comeza o tratamento, como son vacacións de verán, Minia e Xosé van para onda os avós paternos. O avó aproveita para ensinarlle as leiras da familia, como funciona o muíño... Co comezo do curso escolar, cumpridos xa os quince anos de Minia, volven para a casa. Carme vai gañando etapas sen se dar por vencida. A quimioterapia semella poder co cancro, mais o reto é que o seu corpo soporte tanto estrago: demasiado debilitada, as transfusións de sangue e a forza mental conseguen victoriosa que chegue á sexta e última sesión. A comezos do novo ano, van todos xuntos á praia. Mirando o mar, Carme sente que o futuro a agarda con ilusión.
Os pensamentos de Minia alternan na novela co proceso da enfermidade materna. Coa amiga Raquel comparte no instituto as típicas preocupacións sobre as relacións cos mozos. O único rapaz da súa idade na aldea, Manuel, tamén está triste porque ten que superar o problema da separación dos pais. A soidade, a busca da felicidade, o valor da solidariedade (os seus pais apadriñaran dous nenos de Bangladesh) e a ameaza da morte ocupan as reflexións de Minia. Son etapas da vida que non se detén, que están na condición do ser humano, como lle ensina a pedra labrada hai miles de anos que atopou no coial da Guarda.
A canción de Bob Marley que escoitou na clase de inglés e tanto lle gusta á súa mai, "No woman, no cry", transmítelle a forza da esperanza: non chores, muller, que todo vai ir ben.

156 p. - 21x13 cm.               ISBN    84-9782-258-7
os lectores opinan Opinion

 materiais    .  Proxectos de Animación á Lectura - Edicións Xerais