|
Recompilación de quince guións
dunha minicomedia de situación emitida pola TVG en 1990. Ambientada no
servicio de urxencias dun gran hospital, constituíu a primeira
experiencia do autor como guionista televisivo. O formato (a duración de
cada episodio era de trece minutos), a escaseza de medios e as esixencias de
rapidez na elaboración dos textos e limitacións de
producción marcaron esta experiencia creativa sen precedentes na
televisión autonómica. En clave paródica e de humor
negro, os personaxes (o Doutor Dapena, Xefe do Servicio, case nunca aparece
polo traballo pois ten a "enfermidade do sono"; os doutores Paulino Pereiro
Pereiro, solteiro entrado en anos que nunca se estreou nin atopa moza, a quen a
mai, coa que vive, procura ter sobrealimentado e Chus Nespereira Nespereira, co
seu mozo infiel profesor de instituto; a enfermeira Encarna -Encarnación
Silva Silva-, feminista con mozo veterinario ao que lle gustan os animais e
desenganada dos homes, que son todos un rabaño de burros; o celador
Cipri -Cipriano Vilariño Vilariño-, un pícaro
simplón, popular e argalleiro que instala no centro o seu chiringo de
empanadas e obxectos -bolis, reloxos de propaganda...- dos pacientes) atenden
as "urxencias" dos enfermos e conviven coas propias. As atencións
urxentes son ben variopintas: un "doente" vén demandar un preservativo;
outra ten caspa; un borracho, crendo que segue no bar, pide máis
alcohol; un mozo esposado por roubar radiocasetes lisca axiña porque
tamén roubara os dos sanitarios; o Papá Noel duns grandes
almacéns foi agredido por unha nena pois confundiu os regalos: deixoulle
a ela a boneca inchable que pedira o pai e a el a barbie; un accidentado non
ten lesións na cabeza pois resulta ser medio xordo; ata hai un que
vén de cando en vez pero nunca ten nada; o actor dun programa de
cámara oculta chega mancado pero resístense a crelo sospeitando
que é outra das súas bromas e que está maquillado. Os
tratamentos para tales males son tamén expeditivos: o mozo tatexo de
Encarna cura cos callos picantes de Paulino antes de que o operen de
apendicite; Encarna soluciona o problema dun borracho agarrándoo polas
súas partes; Chus recéitalle a unha muller maltratada polo home
unha tranca para que lla aplique dúas veces ao día; e Cipri, que
suspendeu un exame de técnico sanitario, fai prácticas como se
fose médico aplicando remedios tan elementais pero efectivos como unha
patada no cu, que os doentes lle agradecen cun xamón, aínda que
ás veces tamén se equivoca: mestura as radiografías do
marido cirrótico e a dona embarazada, e vende a exclusiva de ter atopado
un home embarazado. Este humor negro, tan presente na cultura popular
galega, baseado nos xogos de palabras e nos equívocos, é, en
palabras do autor, unha "defensa fronte á dor de vivir, un modo de
encaixar a dureza das nosas vidas". |