 |
I. Recorda Martín o sucedido cando era
rapaz. Fora un día co seu can, Setembro, á casa dun veciño
polo leite e alí un preso escapado da cadea encanonouno cunha recortada.
Seica o condenaran por matar cunha machada a un veciño que se apropiara
da súa leira. Cando apareceu a mai na súa busca, o fuxido
mandouna ir avisar a garda civil, para cambiar a súa impunidade pola
liberdade do rapaz. Ao chegaren, os civís inculpárono doutro
asasinato, que Martín entendeu que era de Mariña, a mestra nova
que o tiña engaiolado, e sospeitando que o mesmo fixera co seu can e
mais co dono da casa, botouse a el, arrincoulle a recortada e matouno dun
tiro. II. Uns anos despois, Martín é o fuxido con fame que
volve á casa do mesmo veciño e encanona a un rapaz, Roque. Nesas
entra a mai: ¡é Mariña!, que o ata e manda o neno pola
garda civil. Revélalle Martín a súa identidade e
entón ela cóntalle que tivo o fillo de solteira, e herdou a casa
por coidar o dono, que enfermara logo daquel incidente. Bícanse como
dous náufragos, sorpréndeos o fillo, que estivera axexando, e
encanónaos coa recortada, orgulloso de ter un prisioneiro. Cando a mai o
convence de que deixe de facelo, enredáselle a escopeta no xersei e
dispáraselle, matándoa. E Martín foxe. III. Con
máis de corenta anos, e logo de quince na cadea, volve Martín
onda Roque e cóntalle todo isto. Roque non fala e el segue contando a
súa historia: logo da morte de Mariña, da que o culpaban os
xornais, refuxiouse nunha chabola, onde unha mociña, Dolores, o
encanonou cunha recortada, ata que se decatou de que non era un asasino
senón un pobre tolo e non o denunciou. Pouco despois, foise entregar o
propio Martín ao cuartel da garda civil. Cumprida a súa condena,
veuse para a casa familiar, mortos xa os pais, disposto a esquecer sen rancor a
cabronada que lle fixo a vida. Pero Roque segue sen lle contestar: quedara sen
fala desde a morte da súa mai. Cando sae Martín, escoita dous
disparos: matárase Roque. Pero el está demasiado canso para
empezar unha nova fuxida. A primeira versión deste texto, en forma
de relato, mereceu o XI Premio Ourense de Contos para a
Mocidade 1994 convocado pola Casa da Xuventude e a Agrupación de
Libreiros de Ourense. |