|
Reúne as narracións premiadas no XX
Premio Ourense de Contos para a Mocidade 2003 convocado pola Casa da Xuventude
de Ourense. No relato gañador do premio "Ourense", Polbo á
feira, de Pablo Piñón Dacal, conta a voz narradora en
primeira persoa que, seguindo ordes do xefe da súa organización
mafiosa, tivo que contratar a mellor polbeira para celebrar un xantar de
negocios cos enviados dunha banda romanesa. Como non lle foi posible polas
boas, recorreu ao cloroformo para que non lle fallase a polbeira, que se vingou
botando "Ratibrom" no polbo e liberando ao protagonista, que o mellor que pode
facer é fuxir con ela para Portugal para iniciaren unha nova vida
xuntos. Publícanse, ademais, os catro accésits:
Camiño de esperanza, de Iago Leiras Barreiro, conta unha historia
da emigración: Ana marcha para Arxentina cos pais, deixando en Galiza o
mozo Antón; pasan os anos e mesmo casa alá e ten un fillo,
Antón, co que volve xa maior e viúva á vila natal, onde se
reencontra co mozo da xuventude, coa nostalxia da vella carballeira. Unha
cuestión de identidade, de Ignacio Mascuñán Freijanes,
presenta ao Supervisor de Viaxes Transcoloniais do Hotel Canon-3, da Colonia
Yarinia, quen por un erro da computadora central no teletransporte e no
reagrupamento molecular tomou a faciana e o corpo do seu segundo; entón
soubo que este era o amante da súa muller e que estaba furgando para
ocupar o seu posto de dirección, polo que decidiu que saíra
gañando no cambio e non denunciou o erro: o outro seguiría na
súa nave cara a unha colonia da que había tardar en volver. En
Cama ás escuras, de Emma Pedreira, cóntase que o amor
existe tamén entre os corpos espidos e esqueléticos dunha fosa
común. Rita Doallo Álvarez, en ¡Ai!, Xiana pon en
primeira persoa a historia dunha rapaza, fea e orfa de pais drogadictos, que se
namora da súa mellor e única amiga desde o colexio, guapa, rica e
con mozo; ante a imposibilidade de que sexa súa só, mátaa;
por iso está interna no psiquiátrico. Inclúese a
seguir a ficha técnica do premio, coa relación dos membros do
xurado e dos trinta e cinco participantes, que presentaron corenta e tres
contos, e o Cadro de Honra do concurso literario. |