| Aurora Vidal
Martínez: Poemas de nenos e
paxariños Edición de Luís Alonso Girgado e Natalia Regueiro Col. Libros da Frouma. Follas Novas. Santiago de Compostela, 2000 |
|
O volume ábrese cun limiar dos editores no que se ofrece un perfil biográfico de Aurora Vidal Martínez, unha mestra que exerceu en diversas escolas de Galicia, Castellón e Canarias, e que elaborou unha ampla obra literaria aínda hoxe inédita en boa parte. Analizan tamén os trazos fundamentais que caracterizan os poemas que conforman este volume, publicado por vez primeira en 1958 e ilocalizable dende hai varias décadas, salientando o carácter intimista das composicións, por veces tinxidas de tristura e melancolía, o paisaxismo de influencia hilozoísta e o ton de amor aos nenos, á natureza e ás súas criaturas que se percibe no poemario. O libro recolle vintetrés poemas precedidos por un breve prólogo de Faustino Rey Romero, que gaba a calidade dos versos, caracterizados formalmente pola súa brevidade. Trátase dunha sucesión de estampas nas que o eixo común é a ambientación rural e a presencia recorrente dos paxaros e os nenos e de moitos elementos da natureza como as flores, o ceo, as nubes, a chuvia, o vento, o sol, a lúa ou o lobo, entre outros. Predomina a poetización de escenas cotiás no mundo rural e tamén unha fonda pegada da lírica popular, recorrendo a cantigas, foliadas ou arrolos. |
|
|
Gálix: A nosa literatura infantil e xuvenil
2000 |