blix



AUTOR         ·         LECTOR         ·         COLECCIÓN         ·         XÉNERO         ·         ANO



Pel de lobo Xosé Miranda: Pel de lobo
Col. Fóra de xogo, 66. Eds. Xerais
Vigo, 2002
Premio Merlín 2002
IBBY Honour List 2004

Conta Xosé Nóvoa, un mozo de dezasete anos, que unha noite apareceu na casa un home buscando a seu pai, Fulxencio da Casanova, recoñecido cazador de lobos, para que fose matar un lobo enorme que estaba facendo moito derrame entre o gando en terras do Incio. Alá foron pai e fillo, levando canda eles o can, Bal.
Chegaron de noite, con neve e sentindo preto a presencia dos lobos. Instaláronse na casa grande do fidalgo don Eduardo Vázquez-Queipo e Lence, con dúas fillas ben fermosas e diferentes (Ana: alta, delgada e inconformista, que tiña a miúdo enfrontamentos co pai e comprendía o afán de ser libre do lobo; e Aurora: loura, pequena, branca de pel, ollos azuis e moi educada) e un neno duns 12 anos. Todos os do lugar coincidían en que o lobo tiña cualidades "humanas": entraba nas casas tal unha persoa, fuxindo a dúas patas; para a veciña Rosa dos Chantos (un anano barbudo con roupa de muller e voz de home, que nas noites de lúa chea se convertía en Roso), un home ou muller gobernaba os lobos; o fidalgo sospeitaba que o lobo entendía a fala humana; o párroco don Laureano Saco levaba balas de cera bendita, as únicas que seica matan o lobishome; e unha vella veciña sabía a historia do lobishome de Foilebar, que atacou a súa propia muller...
Pasaban os días e os lobos seguían facendo das súas: comeron unha burra e o can de Rosa, un lobo negro feriu ao fidalgo cando puxeron unha cabra de cebo no medio do lugar; pai e fillo tiveron un encontro cun lobo negro enorme ao que as balas nada lle fixeron e desapareceu deixando un envurullo con roupas de muller... Vixiados decote por uns ollos de lobo, xa saben que os máis perigosos son dous: un negro e outro branco.
Organizan unha "manga", rodeando o monte con estacas, cordas e dúas liñas de xente facendo ruído para asustar os lobos, que só poden escapar por un "couso" sen saída. Aínda que matan a varios, á volta un lobo grandísimo provoca a desbandada xeral. A seu pai, o lobo negro ponlle a gadoupa no peito e, logo de recriminarlle que matase lobos, marchou, deixando que outros lobos o conducisen por carreiros afastados da xente ata a casa do fidalgo. Xosé refuxiouse nun sequeiro de castañas, onde, agachado co cheiro lobuno de Bal, ao que tivo que matar para que non o delatase, non o localizou un lobo branco que, cando veu o día, camiñou a dúas patas e da súa pelica saíu ¡Aurora! Conseguiu queimarlle o pelello, que se resistía a arder, librándoa así do feitizo: non volvería ser loba. Soubo entón que as dúas irmás eran mulleres-lobas por unha maldición paterna: se querían ser como homes e libres, mellor que fosen lobos. Estando abrazado a Aurora, irrompeu o lobo negro co seu corpazo, pero fíxoo liscar Roso dos Chantos cravándolle unha machada na perna dereita.
De volta na casa do fidalgo, queimou o pelello de Ana, que estaba na cama por terse mancado nun brazo, disque partindo a leña. Pero ela díxolle que tiña pel de loba e volvería ser libre. Meses despois, casado xa con Aurora, veu o lobo negro ao pé da ventá para se despedir. O ocorrido permaneceu como un segredo de familia. De cando en vez a xente falaba de que se vira un lobo da xente en León, no Faro de Chantada...
Esta mesma tarde viuno el no Pousadoiro: era un lobo grande, vello e canso. Por iso Xosé lles revela aos seus netos esta historia do pasado.

105 p. - 21x13 cm.                         ISBN    84-8302-865-4
os lectores opinan Opinion

 materiais    .  Proxectos de Animación á Lectura - Edicións Xerais (.pdf)