 |
Na cidade
máis fermosa da foz do Nilo o pobre limpabotas Farruco sofre as
diferencias dos deuses da luz e da riqueza. Primeiro un outórgalle o
poder de converter en luz todo o que toca e faise rico; logo, o outro
tírallo e converte todo en ferruxe, deixando o mundo ás escuras
ao darlle a man ao rei dos deuses. Só se desfixo o encantamento ao
tocarse os seus propios ollos. O seu chiscar é o que os guías de
turismo nos presentan como Faro de Alexandría, que é o propio e
triste limpabotas. "O pallaso parado" é Pomaraso, quen ao dar en
quebra o seu circo de remendos houbo de ir ao paro. Disfrutará de
subsidio mentres non faga rir a ninguén. Ten así que discorrer
chistes pechado na casa e rir só, polo que acaba falando en risos. Deste
xeito, na oficina do paro ao falar-rir provocou gargalladas no funcionario e
¡perdeu a paga! Tanto riu que o riso non lle cabía na boca e
chegoulle ao corazón. Morreu de riso e o seu enterro non foi triste.
Na "Carta zoolóxica a Ermelinda" o protagonista coñeceu unha
xitana en Lisboa e, de volta na súa casa, vaille contar como é
pero unha mosca méteselle na máquina e descríbella ben
polo miúdo co seu zun-zun petando nas teclas. Logo é un sapo o
intruso coautor cun cro-cro xoguetón. Finalmente, meteuse unha pedra,
que a penas escribiu "Eu fico aquí. ¡Plof!" Domingos Freire
Freixeiro foi á nova biblioteca parroquial e para levar un libro
emprestado só tivo que deixar o nome. Mais ao chegar sen nome á
casa non lle abriron nin no bar lle fiaron nin a xente que saudou na rúa
lle devolveu o nome. ¡E a biblioteca estaba pechada! Pola tarde,
decatouse de que perdera o libro e seguiu sendo "O home que non tiña
nome". Emprestoulle un o xitano, Antonio, pero era moi pesado para levar enriba
pois estaba feito con dúas rodas, unha antena... Ata que atopou o libro
tirado na rúa. Leuno e leu así este conto, desaparecendo ao
elevarse logo no ar como un personaxe de fábula. |