|
Sara, unha moza de 16 anos, escribe dous meses
despois, na soidade do seu cuarto na Coruña, sobre os días de
agosto en Viveiro que lle cambiaron a vida, cando deixou de ser unha rapaza
atolada, non só pola descuberta do propio corpo con Daniel aquela noite
na praia. Malia a morte da avoua, mamá Laura, uns meses antes, a
súa mai (novelista de éxito; seu pai, funcionario de Facenda)
decidiu que debían pasar as vacacións como sempre na casa
familiar de Viveiro. Sara aceptou con resignación, pois non
podería estar co seu mozo, Fran. Tivo que se instalar no cuarto do
tío Moncho, que a avoa non permitira abrir desde a súa morte,
solteiro, había moitos anos. Remexendo nos libros, nun de poesía
descubriu escrito a man un fermoso poema de amor de Cabanillas. Logo, sentindo
unha presencia estraña ás súas costas, como se houbese
alguén máis no cuarto, tardou en conciliar. Ao día
seguinte saíu coa amiga Aurora e á volta acompañouna
Daniel, un rapaz vigués que na complicidade da noite lle deu un bico
longo como os de Fran, ao que ela lle correspondeu. Xa no cuarto, deu cun
compartimento secreto do armario que gardaba revistas galegas da II
República, fotos familiares e tamén do tío Moncho cunha
fermosa muller chamada Sara Salgueiro. E cartas de amor desta. Datadas entre
setembro do 32 e agosto do 36, ela (mestra galeguista, como o tío)
decláralle o seu amor eterno e o medo por tantos mortos que aparecen
cada día (con especial saña, os mestres) e cóntalle que
vai marchar para Buenos Aires, onde ten a esperanza de que se poidan xuntar.
Hai tamén unha especie de diario del escrito na prisión nun
caderno de tapas de hule: en xullo do 36 marchara para Vigo para librar da
morte certa, onde o localizaron e encerraron na cadea da illa de San
Simón; logo, na de Pontevedra. Ata que o xulgaron condenándoo a
20 anos por predicar ideas galeguistas e progresistas, que cumpriu no
cárcere de León. Nas páxinas derradeiras do caderno en
setembro do 43 móstrase desesperanzado. Malia celebraren o
cumpreanos do pai, na mañá seguinte, cando a mai soubo da
existencia das cartas, pechouse na habitación para lelas. Mentres, o pai
explicoulle que o tío, Ramón Peña Díaz, fora das
Irmandades da Fala e do PG. Ao saír en liberdade no 45 montara un taller
de carpintería. Pouco despois morría atropelado por un coche que
unhas táboas non lle deixaron ver e a xordeira que traía do
cárcere lle impedira oír. Sara debe herdar os papeis para
combater a "desmemoria" na que foi educada a súa xeración.
Como guiada por unha presencia invisible, atopou tamén a rapaza dentro
dun exemplar dos "Veinte poemas de amor y una canción desesperada" tres
cartas de Sara Salgueiro desde Arxentina: a primeira, de 1943, aínda
namorada; na derradeira, do Nadal do 45, anunciaba que ía casar,
resignada a non volver a Galicia. A estadía do irmán Xavier coas
súas xemelgas fixo que non volvesen falar do tío Moncho. E Daniel
voltou para Vigo, logo dunha moi afectuosa despedida nocturna na praia. Non
quedaron de verse no inverno pois os dous sabían que o seu fora unha boa
amizade e unha marabillosa experiencia. Rematadas as vacacións, de
volta na Coruña, o 14 de setembro foron mai e filla á illa de San
Simón, cumprir a promesa de visita que o tío non puidera
realizar. Cando o garda acabou de ensinarlles a illa, deixounas soas e Sara,
seguindo as indicacións do diario, deu cun oco na parede do cemiterio,
onde nunha vella caixa de betume dos zapatos estaba o anel de ouro co nome de
Sara gravado no interior. Era tamén o seu nome, polo que a mai,
emocionada, díxolle que era para ela. O tío Moncho xa
podía descansar tranquilo. E ela sente que o anel énchea de
confianza cada novo día. Gracias a el non lle ten medo ao
futuro. |