|
Conxunto de cinco relatos que comparten a
atmosfera sentimental da noite de luz nacarada. Lúas de
nácara: Unha pintora embarazada conta que anda a preparar unha casa
de aldea para vivir e cando vai por alí mentres a arromban oe cantos de
amor. Pola veciña Aquilina entéirase de que os veciños
anteriores estaban moi namorados e cando ela, Flor, morreu o home negouse a
abandonar a casa e ir vivir coa filla; deulle por escribir e dicía que
tiña que plantar unha flor... Instalada na casa, seguía a
oír cancións de amor. Ata que unha tardiña apareceu Cosme,
un home misterioso que se ofreceu a coidar o xardín. Dicía estar
"feito da materia dos soños" e só traballaba de noite: as dese
xaneiro "foron noites de nácara, cheas de espellos nas que as sombras
cobraban luz". Faloulle da súa amada Flor e da oposición dos pais
a que casasen mesmo cando ela quedou preñada. E ao que ela plantou as
sementes que atopara na folla dun vello caderno cun poema sobre a camelia que
quixera florecer no inverno, Cosme desapareceu engulido pola néboa e
nunca volveu. Plantáraas á beira do loureiro, cativo e como
enfermo, e delas naceu unha camelia, que cos anos se foi enlazando con el.
Tantos anos despois, aínda seguen xuntos. Henrique Bouzas, "O
arxentino", acode a unha Cita nos xardíns do Sur o día 5
ás 6 da tarde. Ten 35 anos e citarao por telefóno unha voz
fascinante e cálida como de vello coñecido, pero non aparece
ninguén. Tampouco o día seguinte, 6, ás 5. Segue indo
mañá e tarde ao parque, obsesionado pola estatua de bronce de
rostro desdebuxado polo paso do tempo. Xa os nenos se rin del por botar tantas
horas a ollala. E lembra a súa infancia na Pampa arxentina; a carta que
seu avó Cándido recibira de mozo, recén chegado a Buenos
Aires, do seu irmán Ramón, do 29 de decembro de 1908, na que lle
pide que non esqueza mandarlle as 125 ptas. máis intereses que restan
por pagar da pasaxe; os dous millóns de pesetas para resarcir polos anos
de espera da débeda que lle dera o avó había dez anos,
pouco antes de morrer pobre, para que llelos entregase en man á maior
brevidade aos herdeiros de Ramón... Pero como os primeiros anos do
retorno de Henrique non foran fáciles decidiu utilizalos. Ata que o 29
de decembro de 1996 entrégalles os cartos aos herdeiros do tío
avó. Entón a estatua do xardín ten unha mirada
pracenteira. E a lúa tinxe de nácara unha poza de auga facendo
bailar a figura que se ergue no alto dos xardíns. Conta Adela,
muller de 40 anos, en Refachos de néboa que once traballadores da
empresa comezaron a facer o Camiño Norte de Santiago en Ribadeo. Ela
estaba a vivir o drama dunha posible separación matrimonial. Todo
empezou cando nunha capela apareceu un home fermoso, de barba coidada, como o
seu home ideal, que logo volveu atopar na farmacia e lle axudou a curar os
pés, e despois na catedral de Mondoñedo. Ela confesoulle que
facía o Camiño por atopar a felicidade. Máis adiante, en
Arzúa, surxiu entre moitos peregrinos Ramiro, o seu home, para unirse ao
treito final do Camiño. Estaba fermoso, deixara barba, e apeteceulle
volver con el para a casa, sentindo que o recuperara. Residencial
Cero: narra Víctor que para vencer a súa esterilidade
creativa trasladouse á urbanización Residencial Cero, pois
sentía que a excesiva luz do seu ático lle impedía seguir
desenvolvendo a capacidade de artista. Instalado na misteriosa
urbanización, enigmática e escura, atendía as súas
demandas, mesmo amorosas, a empregada da axencia inmobiliaria, Eva, pois el
decidira desconectar de todos os amigos. Pero estaba desacougado e un
día que ela non foi atendeu a chamada de Anxo, que lle abriu os ollos:
estaba vivindo no cemiterio. Eva volveu con espíritos, disposta a levalo
e, ao rexeitala, ela converteuse nun esqueleto que se desfixo en cinza. "O
río ferido pola lúa lanzou lampaños de auténtica
nácara" e unha chuvia fina desfixo a casa. En Un xeado para toda
a vida refire o narrador que un día quedou sen corazón. Os
médicos non atoparon explicación ao fenómeno. Cando no
parque lle negou de malos modos unha esmola a unha nena pobre, ela reprochoulle
que non tiña corazón. Logo, lendo "La metamorfosis" de Ovidio
quedou medio durmido e tivo un pesadelo: a néboa asolagara o parque e os
nenos, desesperados, convertíanse en monstros-mortos no medio do caos...
Despertou con bo corazón, segundo a rapaza, pois deulle cartos para un
xeado, que ela lambeu, disfrutándoo: único, como se fose para
toda a vida. Entón, coa escuridade, a lúa comezou a pintar de
nácara o parque. El marchou, seguido pola nena, que lle levaba o libro,
que deixara esquecido. |