|
Diferentes voces narrativas informan ao lector do
que lle está a ocorrer a Mario, home duns 60 anos e conserxe nunha
escola de publicidad. Cada personaxe centra un capítulo, en
diálogo cun interlocutor pasivo. Comeza Mario explicándolle
á muller, Marta, e ao cura da parroquia que un mendigo leva varios
días pedíndolle cada vez máis cartos chamándoo polo
seu nome, como se o coñecese de sempre. E el non se atreve a
negarllos. Xandra, rapaza de dez anos do mesmo edificio, cóntalle a
unha amiga cómo logrou que Mario lle dese calcetíns para o
niño da súa gata parideira ameazándoo con dicir que
intentou violala. Tamén enganou a súa mai, con finxida inocencia,
sacándolle compresas para a gata coma quen que eran para a súa
primeira menstruación. Tenlles noxo aos vellos. O cura dille na
igrexa a Marta que sorprendeu varias veces a Mario falando amigablemente cunha
rapaza, provocadora e en minisaia, polo que cre que o do mendigo é unha
trola. Un xornalista escoita a petición de Xandra de que invente
unha noticia sobre un vello acosador inspirada no seu veciño. Marta
informa a Mariña, a súa única filla, que o psiquiatra lle
aconsellou internalo nun sanatorio antes de que o acusen por abusar dunha menor
e elas queden por certo sen herdanza, pois todo apunta a que anda cunha
mociña. Desde unha cabina telefónica Xandra convence ao
xornalista de que invente a noticia dunha mendiga que aprende o nome da xente
no supermercado, utilizándoo logo para que lle dea cartos na rúa.
Ameázao con chivarse ao director de que inventou noticias de supostos
sucesos. Mariña cóntalle ao seu home que sabe que o
psiquiatra nunca estivera co seu pai, polo que deduce que a súa mai
argallou a historia para librarse del. Non vai permitir que o internen nun
manicomio. O mendigo quéixaselle ao compañeiro que o seu
provedor fixo, Mario, leva dous días sen aparecer á hora
acostumada polo que terán que buscar outro xeito de conseguir cartos sen
moito esforzo. Fora compañeiro del na mili, aínda que nunca llo
quixo dicir. A porteira do edificio cóntalle a outra que
oficialmente Mario caeu da azotea cando ía orientar a antena para ver
ben un partido de futbol. Sospeita que o mendigo o chantaxeaba e que os
veciños do cuarto piso non lle falaban por culpa da filla, Xandra. A
muller del era, por certo, moi altiva. Belén cóntalle a unha
amiga que Xandra lle dixera que xa conseguira que se matara un home por ela.
Supostamente o día que el foi colocar a antena incitouno a tirarse; de
feito, desde o suceso, os pais levárona para onda os avós e
aínda non volveu para o piso. Fixéralle faenas a Mario na azotea
cando quedaba durmido ao sol e os nenos subían xogar, como abrirlle a
petrina diante de todos ou deixalo pechado con chave ao relente. O segundo
mendigo cóntalle ao outro que veu onda el un executivo deses que di a
prensa que se fan pasar unha fin de semana por pobres para vivir a experiencia
da mendicidade, pero a el non o enganou polo que o obrigou navalla en man a que
retirase cartos coas tarxetas de crédito. Xa teñen para uns
días de hotel. E cando se lles acaben os cartos poden facer como esa
mendiga que segundo o periódico entéirase no supermercado dos
nomes da xente, que logo aproveita para lles sacar a esmola. Péchase
a novela cunha relación de personaxes e "sombras" que aparecen na
historia. |