blix



Ramón Caride: A incerteza dos paraísos
Col. Punto de encontro. Everest Galicia
A Coruña, 2000

A incerteza dos paraísos

Componse de sete relatos, gran parte dos cales xa foran publicados con anterioridade noutras editoriais, nos que traslada o lector ata o mundo psicolóxico para achegalo ós conflictos máis íntimos das criaturas humanas. Trátase dun conxunto de historias de extensión breve, nas que o autor de Cea mostra unha peculiar relación co tempo pasado en "Ollares", "Por Eve", "Carta a Suíza" e "Tempo fuxido"; o mundo dos científicos e dos seus descubrimentos en "Vida de laboratorio"; unha homenaxe a Xulio Cortázar en "Reunión con Julio en agosto"; ou un canto de amor en "Vida nova tras da fin". Cabe salientar o realismo e verosimilitude que impregnan estas historias, nas que escapa dos relatos históricos ou costumistas e presenta personaxes totalmente cribles, entre os que destacan os de xénero feminino. Estes personaxes vense afectados polos celos, a SIDA, o amor ou outras miserias e buscan o edén, a felicidade ou ir máis alá das súas posibilidades, aínda que finalmente rematan por sucumbir. Desta maneira, teñen lugar unha serie de situacións cheas de intriga e tensión que, á súa vez, conviven co asombro, traizón ou gozo dos propios protagonistas, o que provoca que o lector manteña a tensión ata o final das historias, moitas das cales sorprenden cun final incerto e insospeitado.


104 p. - 21x13 cm.                                                           ISBN    84-403-0399-8



linha

Gálix: A nosa literatura infantil e xuvenil 2000
Coordinación: Mª Isabel Soto López
Col. Guías culturais, 26. Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) - Xunta de Galicia - Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo - Dirección Xeral de Promoción Cultural. Santiago de Compostela, 2002



Opinion