|
Reúnense neste volume oito relatos que
mostran as historias de personaxes que viven certas experiencias ou se ven
motivados por determinados sentimentos, orixinados, moitos deles, pola guerra
civil española. En "Cando fala o fistor" nárrase o acontecido
a Alexandre Magno que, logo de perder a memoria, loitará como mercenario
do emperador Chun e xeneral dos guerreiros de Tartaria, pola defensa daquelas
terras que anteriormente conquistara como rei. En "Por un soño"
relátase o sucedido a Herculano, o paxe de Sancha González, que
rematará por decatarse de que o soño era a esencia do seu ser,
posto que o soño era onde el vivía. En "De Rodeiro a
Casablanca" cóntase a historia dunha familia de Rodeiro que, a
consecuencia da guerra civil española, se verá na obriga de ir
vivir a Casablanca, onde a filla participará na loita armada para poder
algún día regresar á casa. "Belinda" céntrase
no acontecido a unha rapaza xordomuda e moi querida por todos, que será
raptada e violada por un home que chegara había pouco á cidade e
que acabará morrendo despois dun encontro co irmán de
Belinda. En "Xaneiro 1959" nárrase a historia dun taxista galego
que, logo da guerra civil, exíliase en Cuba, onde presta servicios a
unha guapa e elegante muller que tiña un estreito contacto co Che
Guevara. En "A cor dunha lembranza" relátase o acontecido a
Hortensia, unha muller que tras ser abandonada polo seu marido ao remate da
guerra, tamén lle farán o mesmo os fillos cando van a Cuba para
vingar o abandono do seu pai. En "O lugar primeiro" amósase a un
home que, despois de ter cometido un delito, lle confesa ao doutor que el non
sabe quen é pero que si ten a lembranza dunha terra, polo que lle pide
que o mande alí ou que lle dea unha medicina para reter o recordo.
En "Grupo Salvaxe" cóntaselle a unha persoa vinculada co cinema a loita
que os galegos mantiveron contra os francese cando estes invadiron as
súas terras, para facer dela o guión dun filme. |