 |
Comeza a novela presentando a Pedro Teixo,
director da celulosa Papelgalsa, co seu can Ton, ollando cara a Insua con
nostalxia: vai marchar para os EE.UU. Cóntanse logo os acontecementos
que provocaron esta decisión do protagonista. A poderosa familia dos
Figueroa comezara a perder a súa decadencia cando o avó don
Francisco tivera fillos bastardos e perdera gran parte do seu capital no xogo.
Pedro Teixo era entón o fillo dun confeiteiro preso durante anos polas
súas ideas, que cando volveu libre á casa pouco tardou en morrer
reconfortado cunha sorprendente fe. Coa axuda do párroco, Pedro ingresa
no Seminario de Santiago, que logo deixa para estudiar Química. Prosegue
os seus estudios en Madrid e marcha para EE:UU., onde se converte nun brillante
profesor universitario, que contrata como executivo unha multinacional. Pasa a
ser "Míster Teijo". Cando a multinacional se propón
construír unha papeleira na ría da súa vila natal, acepta
ser o director. Ten que enfrontarse ás mobilizacións dunha forte
oposición ecoloxista liderada polo xove coadxuctor Daniel Pita, con quen
tamén está a progre Paloma, filla de Alberto Figueroa, anticuario
estafador que vende en Madrid as supostas antigüidades que expolia na
vila. Pedro Teixo quere comprar a ponta da Insua, un pequeno terreo da familia
dos Figueroa que se nega a vender o vello don Francisco. A cambio dun posto de
traballo na papeleira, o vello mariñeiro Evaristo, bébedo,
ofrécella por poucos cartos, pois segundo uns papeis
gañáralla ás cartas un seu avó ao avó de don
Francisco. É un terreo cobizado tamén por unha inmobiliaria.
O vello dos Figueroa morre intentando recuperar a propiedade do terreo
enfrontándose cunha pistola a Pedro Teixo. Aínda que este non
é culpable da morte do ancián, o duro custe nas súas
relacións persoais e a realidade que, unha vez inaugurada a celulosa,
non parece que se vaia instalar a anunciada papeleira, desencadean a marcha
definitiva de Pedro, canso e desencantado de tantas batallas. |