blix



AUTOR         ·         LECTOR          ·         COLECCIÓN         ·         XÉNERO         ·         ANO



Experimentos coa mentira Manuel Darriba: Experimentos coa mentira
Col. Costa Oeste. Ed. Galaxia. Vigo, 2005

Un helicóptero da Gran Potencia tripulado por tres militares de tres países xa desaparecidos (Nikos Pantalis, de Grecia; Ivo Markovic, de Croacia; e James Wilson, do Reino Unido) viaxa de volta do deserto logo de executar a misión de capturar a Bei Li, do Novo País, no seu búnker, fumegando con gas sarín. El fora o motivo polo que emprenderan a guerra cinco anos antes as dúas superpotencias mundiais, a Gran Potencia e o Novo País. Chegan á prisión para entregarlle o secuestrado ao Coronel Supremo, mais non aparece. No seu lugar, veñen para facerse cargo del os trillizos Van Gent, os alicerces da industria armamentística da Gran Potencia, polo que deciden non entregalo e liscan, librando dos raios letais que lles disparan gracias aos escudos nucleares.
Un ballón nocturno obrígaos a aterrar na perigosa selva, onde Li, atado a un baobad por unha cadea luminosa, lembra cando Sean Altman abusou del. Explorándoa, sáenlles ao encontro catro licántropos, produto da mutación de tribos ágrafas expostas ao gas sarín, aos que matan pola boca. Mentres, os trillizos holandeses (con gardas especiais: catro tigres unicornios, unha boa de tres cabezas...) repróchanlle ao Coronel o incumprimento do trato de entregarlles a Li, que debían ignorar mesmo os servizos secretos. E preparan un ataque nocturno ao claro da selva onde Markovic e os seus descansan, pois, exhaustos, non poderán opoñer resistencia. Van nas cápsulas de teletransporte cuns mercenarios da catana, seis homes de azul celeste e catro tigres dun corno. Nunha dura batalla con coitelos de tres follas e disparos láser, capturan a Wilson e matan a Ivo e Nikos.
Li (que opina que as dúas potencias tiñan que facer guerra cada tanto polas necesidades da industria do armamento e controlar a demografía) dille ao Coronel que triunfou a corrupción e disponse a cravar a catana no seu propio corazón.
Alternan coa historia sete "audios", capítulos nos que se reproducen os interrogatorios altamente secretos dun oficial do Novo País para esclarecer o secuestro de Li, de quen non se pode citar o nome. Interroga: a un tío de Bei Li, que di que o rapaz xa amosaba grandes cualidades na escola; a unha universitaria ex compañeira do secuestrado, quen non o vira desde entón e que tampouco pertence ao Movemento NON; a un profesor universitario de mentalismo, capaz de coñecer non só os pensamentos senón as máis íntimas emocións do interlocutor, que hai anos que perdeu o contacto co secuestrado; o director do centro de reeducación de adolescentes informa que estivo interno con trece anos e un día na ducha tivo unha experiencia sexual cun compañeiro, engadindo que herdara do pai os seus indicios de rebeldía; Altman, o antigo director do centro, recoñece que el mesmo mantivera relacións sexuais cun alumno de trazos orientais, moi fermoso; un dos gardas do búnker de seguridade máxima confesa que a penas falaba con el, receando da súa capacidade de lectura mental, mais sostiña que o Sistema estaba edificado sobre un manto de podremia e ía estoupar. Finalmente, o Xeneral repróchalle ao oficial que en dous días de interrogatorios non dera reunido as probas da vinculación evidente, segundo a Policía Política, do secuestrado co Movemento NON, que é a quinta columna da Gran Potencia, polo que dá por arquivado o caso.
Incórporanse tamén uns Apéndices que completan a información sobre os sucesos. Gong Dao, exiliada nos Estados Unidos natural da extinta Taiwán, científica que puxo o seu saber a disposición da puxante industria armaméntística e dirixente do Movemento SI, denunciou o seu home por actividades subversivas e enviou o seu único fillo Bei Li a un campo de reeducación para disidentes potenciais; suicidouse, aínda que a propaganda do Novo País disfrazou de accidente automobilístico a súa morte. Dúas fichas contraditorias sobre Bei Kaige: da extinta Taiwán, exiliado cos súa dona nos Estados Unidos, formou parte do equipo de traballo no dominio da Forza Íntegra pero incorporouse ao Movemento NON por frustración profesional ante a superior talento da súa dona; encerrado nun cárcere de alta seguridade, acabou coa súa vida por remorsos. Outra ficha preséntao como un xenio malogrado da astrofísica de cuxos logros se apropiou a súa dona; o descubrimento da maldade do poder centrífugo levouno a contactar coa forza da disidencia, o pacifista Movemento NON (que o Goberno do Novo País presentaba como traidores ao servicio da Gran Potencia); denunciouno a súa muller e un mercenario acabou coa súa vida pagado polos Servicios de Intelixencia, que din que foi un suicidio
O planeta preséntase dividido en dous grandes bloques enfrontados despois das mutacións pola guerra química do século pasado: o Novo País, nucleado por Estados Unidos de América, e a Gran Potencia, aglutinada arredor das sobras do neocolonialismo e sen núcleo definido. As estruturas económicas son similares. É tempo de individualismo supremo, pois a familia en crise xa desde finais do XX, e existen chips readaptadores ao canon de conducta. Pasados uns anos xurdiu no primeiro unha forza de oposición, o Movemento NON; aínda que o Sistema depurou os seus dirixentes, descoñece a súa implantación e se está en contacto con outro semellante no outro bloque: os disidentes son obxectivo prioritario dos dous suprapoderes.
Por certo, o Xeneral do NP e o Coronel da GP foron alumnos da mesma promoción e graduáronse xuntos.

92 p. - 19x19 cm.               ISBN    84-8288-784-X
os lectores opinan Opinion

 recensións    .  fadamorgana
  .  Faro de Vigo