blix



AUTOR         ·         LECTOR         ·         COLECCIÓN         ·         XÉNERO         ·         ANO



Crónica de Ofiusa Francisco Vázquez Chantada:
Crónica de Ofiusa

Col. DoceXVintedous. Sotelo Blanco Edicións
Santiago, 2003

Baixa a manda de lobos ao val de Sonán e sete deles atacan a casa do xove Ando, deixándoo malferido. O avó, Emoi, percorre de noite a perigosa fraga á busca de herbavento, a planta que o pode curar e que o esperta coas súas folliñas querendosas, cando polo cansazo queda durmido. Libra dos voadores ollóns ou curuxás (que vixían que os nenos non saian de noite das casas), pero atópao o Recacho, o trasno vello que só lle permite regresar á casa cando lle aprende a receita musical do esnafrón, pois devece polos cogomelos. Coa apócema de herbabento, Ando por fin cura das trabadas dos lobos.
Obsesionado porque unha noite acordou cunha luz potentísima como o sol e un rostro descoñecido mirábao. Emoi explícalle que se viu a si mesmo de home feito e vaise deixándolle un petate, que leva moitos anos pechado. Contén dous vultos de coiro: no primeiro hai un pergamiño co debuxo dun tríscele dourado formado por dúas serpes cinguidas en espirais concéntricas e dez peciñas metálicas que, combinadas, compoñen a figura; cando as encaixe, poderá abrir o segundo vulto. Bota días tratando de casar as pezas pero non é capaz; mentres, vai medrando e cambiándolle a voz, facéndose mozo. Ata que o avó lle trae unha peza maior coa que casan todas as outras: entón élle doado compoñer o talismán. Pasados uns días, poderá lucilo no seu peito e abrir o segundo vulto.
Celébrase a festa anual, á que acoden os parentes e cóntanse os sucedidos. Pero a Ando o que lle gustan son as historias que lle conta o avó e cando no río o salva de morte certa, atacado polo caracú ou cumaldario, supera, sen decatarse, a última proba. Xa pode abandonar o val de Sonán, coa espiral dourada no peito, que Daún, o pai, que nunca a dera composto, perdera e recuperara no río. Tamén leva a daga, que descubriu entre as dobras de coiro cando o ataque do cumaldario.
Ao terceiro día, no río Maior, gracias a unha vella aurieira non se deixa engaiolar por unha ninfela que o chama. Crúzao na barca de Gae, evitando os xacios que intentan afundir as naves con xigantescas árbores. Segue, agora xa en terras de Non Fal, afastado da xente. Bate cun malabarista simpático a xogar cunha mazá: é Axe, un guliaire que vive nunha das zonas libres do interior do país, de falar aquel-ado, que lle conta a historia da mazá amarela que fixo que todas as vellas se botasen a el...
Colle por unha vía principal empedrada que leva á cidade amurallada de Aliber. Agachado nun carro, entre bocois de viño, provoca un accidente afrouxando unha roda para librar ao carreteiro de estar cunha soldadeira, obrigado polos soldados. Pouco para na fermosa cidade en feira. Sofre logo o ataque duns salteadores, que o atan a unha árbore con correas; céibase rillándoas cos dentes. Guiado por tres nenos, chega á aldea de Batón, o ferreiro que se dedica a forxar armas para o gran día do combate contra o estranxeiro dominador de Non Fal.
Onda unha ermida de pedra na valgada pega un aturuxo coa esperanza de que o eco o guíe ao Palacio de Novelúas. Esa noite unha ringleira de siluetas encarapuchadas con fachóns de lume guíano por unha mina a través da aba da montaña, ata o palacio maxestoso. Habitado por Queade e as súas doncelas, ergueuse en nome das nove derrotas de Ofiusa que evoca unha lenda nas pedras. Nos arredores hai unha réplica minúscula na que entra anicado. Dozinda, unha nena de catro anos que di ser a conteira do palacio, condúceo ata unha pedra abrideira que intenta abrir cun tiracroios e bólas de seixo, pero só a despecha facéndolle cóxegas na base. Despois de recitarlle o texto lendario, a conteira marcha. Guiado por Queade a través dun pasadizo subterráneo, contempla o mural de homenaxe aos nenos soldados da épica batalla. Asisten despois á festa de outono no bosque, onde se baten os bardos en combate poético co premio de gravar un poema na pedra das murallas. E logo fan o amor con paixón e beleza. Antes de proseguir camiño, ela regálalle como recordo de Novelúas un cinto con enfeites de prata e acibeche.
Avanza con dificultades pola fraga da Serra Negra. No Camiño Real uns soldados cóbranlle peaxe para entrar en Non Fal, a cidade protexida por tres murallas, do sanguinario señor sen corazón. Cando os soldados inspeccionan que a xente leve calzóns debaixo dos saións, o traste de Axe róuballe o casco a un, pásallo logo a Ando e acaban presos os dous. No palacio, onde o Señor de Non Fal preside os festexos na honra dos seus tres invictos xenerais, aos que loa na lingua de Cax e agasalla con cadansúa pedra marabillosa, Ando é presentado como mozote inimigo que recuar aos tempos de Ofiusa. Só salvará a vida se atina en cal de dúas caixas, unha vermella e outra negra, está a perla branca. A doncela virxe Dumvira, unha lilulóxica, agóiralle a Ando, interpretando a mensaxe das sementes de fieito, que os seus inimigos non poderán con el; logo, unha pomba torcaza negra voando anuncia que se abrirán as portas e quebrantarán as cadeas. O Señor de Non Fal, encolerizado, mándalle que abra cos ollos vendados unha das caixas: abre a negra, tragando a perla que contén sen que os demais poidan vela; e cando a doncela ensina a perla negra que garda a caixa vermella, vólveno para a cela onda Axe: o seu castigo é ser guindado desde a ponte para que as augas do río o afasten de Non Fal. A cociñeira Elamona, que ten o encargo real de ir metendo na súa comida pequenas doses de amanitas velenosas, marcha tolamente namorada de Axe e non os traizoa. Ao cuarto día cumpren a sentencia: mergúllanos catro veces no río con pesadísimas argolas e cordas nas pernas para despois guindalos sen pexas. Os seus corpos pérdense entre a corrente da auga...
Recupera o sentido Ando no río e consegue atopar a Axe, o amigo que lle salvara a vida namorando a cociñeira, pero morto. Continúa camiñando cara ao nacente camiño de Ofiusa. Leva a esfera de acibeche da caixa negra que o seu corpo acabou botando das entrañas. Sobe a Serra Branca, a fraga de teixos que medrou entre penedos para protexer a Ofiusa. E desde ese penedo case inaccesible que custodian pedras fitas como guerreiros de pedra, nesta montaña mítica onde outros que foron chegando antes saen a recibilo (e máis que han vir), hase preparar para un día marchar cara a Non Fal. Non importa o que teñan que agardar neste poderoso reino de melancolía.
E un "Cántico", en correspondencia coa "Lenda" inicial, pecha o libro proclamando que mentres o noso tempo non chega as vellas derrotas nos fagan fortes, que o alento da terra (e a nosa voz) conmova alí onde o campa o silencio e o seixo duro.

166 p. - 12x22 cm.               ISBN    84-7824-433-6
os lectores opinan Opinion