blix



AUTOR         ·         LECTOR          ·         COLECCIÓN                  XÉNERO         ·         ANO



Paco Martín, Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz e Marilar Aleixandre:
Contos de máscaras, rúas, perdicións e caníbales

Ilustracións Xosé Cobas
Col. Lagarto Pintado. Dirección Xeral de Promoción Cultural. Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 2004

Contos de máscaras, rúas, perdicións e caníbale

Nova entrega desta colección editada pola Xunta de Galicia en conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil. Recolle catro relatos:
Paco Martín presenta en Perdición a unha muller de trinta e nove anos casada cun home de negocios nada claros e fracasado como avogado, que vive obsesionada co desexo de ser de berce fidalgo e coa arela de ser nai, polo que ten un cuarto infantil con xoguetes, roupa e libros. Ante as reiteradas ausencias do home, dedícase a ler os libros de contos clásicos e chámalle a atención a abundancia de casos nos que os protagonistas se perden no bosque. Chega, así, á conclusión de que as súas manías e frustracións teñen a súa orixe na falla, na súa infancia, dun extravío no bosque. Vai á casa da aldea, buscando extraviarse soa nunha devesa, mais non é posible, pois atopa vacas, xaponeses, namorados, boys scouts, mormóns, un alcalde con concelleiras e mesmo un poeta de aparencia curiosa que fora alí para intimar coas musas. Entón, desiste do seu empeño e chama polo móbil para que a vaian buscar ao bosque.
Xabier P. Docampo conta en A máscara a historia de dous adolescentes que se criaran xuntos e que un día descubriron que se miraban doutro xeito, coa mirada coa que se desexa a beleza. Unha tarde, bañándose no río, el descubriu nela unha pel branquiña e chea de promesas. E nas costas unha penca pequeniña con forma de estrela de cinco puntas, na que se demorou. Regresaron por camiños diferentes, con paso de disimulo ela e con andar de ledicia el. Pero ela nunca chegou á casa e na carballeira só atoparon roupa manchada co seu sangue. Botouse a buscala por canta terra hai no mundo, até que nunha vila unha muller pareceulle a que el amara. Aceptou falar con el, mais sempre de costas, pero á fin unha noite contoulle que a casa ardera e se lle queimara a pel. Un home fíxolle un novo rostro, que lle permitiu ver: unha máscara branca que -observou el estarrecido- tiña unha estrela de cinco puntas na meixela dereita.
Unha foto na rúa, de Agustín Fernández Paz, narra a misteriosa aparición de varias fotos dunha muller moi fermosa, que un home vai atopando nas rúas de Vigo; como unha delas estaba preto da universidade e tiña o nome de Diana, intenta localizala simulando que traballa para unha empresa de sondaxes. Pero non ten éxito. É a muller que deixa unha última foto na plataforma antes de subir ao tren, que se dedica a viaxar logo de que lle tocase a lotería e vai deixando fotos súas polos lugares que visita.
Finalmente, en Monólogo da vaca caníbal máscara, de Marilar Aleixandre, a voz narradora é de Brensa, unha vaca de 17 anos que se negou a comer fariña animal, alimentándose de hedra. Cando o amo se enteirou, liscou con outra vaca. E o amo, que tivo que sacrificar todas as outras vacas por teren comido a fariña de cadáveres, seica di, mentindo, que ela é a culpable por ter mordido a outra vaca. ¡Como se fose caníbal

86 p. - 21x13 cm.        D.L.  C- 2880/04
os lectores opinan Opinion