 |
Logo de caracterizar
ao público, segundo vai entrando, como cadáveres, entra San Pedro
e explica que están na sala de xuízos, agardando a que
veñan o avogado defensor (San Xudas, patrón das causas perdidas,
pero vén un Arcanxo -en realidade, un anxo en comisión de
servizos-, substituto de San Antón, porque o Xefe confundiu o
patrón das causas perdidas co patrón das cousas perdidas e San
Antón está de baixa pois trabouno un can) e a acusación
(que é Luci, en representación de Lucifer, unha muller de negro,
provocadora, vulgar e sensual). Unha vez escollidos os membros do xurado entre
o público, comeza o xuízo presidido por San Pedro. Toca xulgar
a deslealdade lingúística: os que non defenden o galego non
merecen ser galegos. A primeira acusada en calidade de nai é Elpidia,
que se fai chamar Diña: fala en castelán e quere que os seus dous
fillos tamén o fagan, aínda que un verán tivo que pagarlle
a pasantía a un deles que só suspendeu galego. O segundo, Eliseu,
que fala sempre en galego aínda que pensa que non vale máis
alá de Pedrafita, e na aldea todos empregan o galego menos o cura, polo
que con el falan en castelán como poden. Logo, Lina e Lana, dúas
siamesas, aínda que unha naceu na Coruña e outra en Vigo; son do
Dépor e o Celta e parécelles o galego lingua de pailanes. Entra
logo o empresario Pepe, acusado de deslealdade coa lingua pois aínda que
di que é bilingüe e fala segundo lle pete fai un uso
diglósico: coa secretaria que incompetente, que pretende como amante, en
castelán, coa muller, en galego, coa directora do colexio privado,
castelán, e coa profe da pasantía en galego, para despedila;
pensa que xa que estamos na Unión Europea cumpría unificar todo
para aforrar custes. E cando o xuízo está visto para sentenza,
entra un anxo dicindo que o xuízo non vale pois o público non
está morto e en realidade son espectadores dunha (divertida) obra de
teatro.
|