|
Mauro, mozo que traballa de detective privado,
encárgase de asuntos menores como cobrar facturas impagadas ou seguir a
unha posible adúltera que resulta ser integrante dunha secta
religiosa. Pero todo se lle complica cando un rapaciño
portugués de 17 anos que vive nun barco abandonado, colaborador seu,
aparece morto logo de lle pedir que intente localizar a súa irmá,
que fuxira da casa e traballaba nunha barra americana. Cómprelle
entón unha "pipa" do mercado negro. Tirando do nobelo trala morte do
rapaz, averigua que o chulo das barras está metido nunha rede de
traficantes de droga e que unha cadea de hamburgueserías utiliza cans
abandonados. Sufrindo algunha que outra malleira, entra en contacto co mundo da
delincuencia de aparente guante branco e é testemuña de varias
mortes por axuste de contas entre eles. Un dos que quedan confésalle no
seu chalé que nunca xuntará probas contra el, que ademais ten
outros xefes socialmente moi respectados. Nunca dará coa inexistente
"chave das noces" que lle abra as portas dos seus superiores na rede
mafiosa. Tampouco hai solución para o caso da portuguesa Maria do
Céu, que quere "facer carreira" para axudar a familia. Ou para Lurpio,
drogata que rouba pequenos obxectos de consumo que Mauro non repare en
comprarlle ás veces para Inés, a súa moza, coa que pode
estabilizar a súa relación mentres soa Leonard Cohen nun disco
roubado. |