|
Luís. Trinta anos. Viúvo con dous
fillos. Drogodependente. Enterrado nun nicho cedido polo concello. ¿Por
que? Se cadra algunha explicación poden dar as diferentes voces, que
desafogan en primeira persoa: Rosa (a nai de 57 anos, viúva;
traballa como asistenta): outro fillo, Pablo, morreu de tuberculose e
anticorpos. Co seu pai preso por "roxo", criouna un matrimonio amigo acomodado.
Desde os 14 anos traballou servindo nas casas. Casou, sen ser feliz, e
viúva con 60 anos, volveu co primeiro mozo. Para ela, Luís
empezou a ir mal cando lle morreu a muller dun ataque ao corazón, logo
de discutiren; dálle moitas dores de cabeza pero mentres viva nunca o ha
deixar só. Alberto (irmán): preocupado polo seu traballo e o
futuro do fillo. Para el, os dous drogatas da familia non merecen a
mínima preocupación. Maribel (cuñada): a súa
mai, separada e borracha, mallouna aos quince anos tanto que a policía
levouna para onda o pai, que se aproveitaba dela. Axiña morreu en
accidente de coche, polo que tivo que casar nova cun home maior que non lle
deixaba vivir a mocidade. Por iso o deixou. Di que Luís quitouse quince
veces, pero sempre volveu. Lola (irmá, casada dúas veces e
cun fillo de cada matrimonio): casou con 17 anos e o seu home
controláballe todo; só cando estaba bébedo
conseguía obrigala a facer o amor. Vive na casa materna co segundo home.
Preocúpalle a filla de Luís, que o pasou moi mal, como a filla do
seu primeiro matrimonio, que ata os doce anos terá que seguir co
pai. Na "Segunda parte" opinan os rapaces da casa onde traballa Rosa,
adolescentes: el, solidario coa desgracia da muller; ela recea de poder ser
contaxiada de sida por Rosa e está farta de padecer as consecuencias
incómodas da súa situación. A dona da casa, de 45 anos e
profesión liberal di que contratou a Rosa aínda sabendo que
tiña problemas por ser unha muller bondadosa, guapa, elegante e con
orgullo. Dáballe cartos para a droga do fillo, con quen un día
falou e pareceulle débil e apático, sen agardar ningún
futuro na vida. Odiaba as xeringas e prefería esnifar. Seica lle
gustaría ler este libro que ela anda a preparar, pero morreu antes no
hospital, ao parecer sen sufrir. Na "Terceira parte" expresan a súa
opinión os fillos de Luís: un fillo da muller que el
recoñeceu ao casaren; desde que morreu a mai vive cos avós
maternos, xoga ao baloncesto nos cadetes do Madrid e a penas ve a Luís,
a quen non trata de pai; recorda dos catro anos de convivencia que lle pegaba
á súa mai, polo que xa lle é indiferente a súa
desaparición: prefire ignoralo. E a filla, de 8 anos, que vive cos
avós maternos e a penas lembra a mai, morta ao pouco de nacer ela; ao
pai pouco o viu. Un día a avoa Rosa levouna onda el e non o
recoñeceu entre outros homes. Ata que a abrazou chorando. Aquel era seu
pai. "Chamábase Luís, agora recordo". |