blix



AUTOR        ·        LECTOR           ·          COLECCIÓN          ·          XÉNERO         ·          ANO



Fátima Peón Torres:
Camposanto

Col. Nova 33, 27. Fundación Caixa Galicia. A Coruña, 2003
XV Premio "Rúa Nova" de Narracións Xuvenís 2003 en lingua galega

Camposanto

Un día chuvioso de xuño de 2003, Lea, unha moza de dezoito anos, vaise tirar desde a varanda da ponte da Barca. Retrocedendo no tempo, mediante a presentación de diferentes episodios de distintos anos das súas vidas, coñecemos a continuación a Lea e a súa amiga Sofía, inseparables desde que eran cativas na aldea natal de Liar ata o presente na cidade de Portadela, onde están estudiando no instituto.
Cando teñen catro anos e van empezar o parvulario, Lea chora porque Paulo dille que nun país os profesores comen os nenos; Alberto tranquilízaa.
Nervios do primeiro día en 2º de Bacharelato no Alexandre Bóveda, que é a porta para o soñado Santiago.
Cando Sofía ten doce anos, a mai marcha da casa cun vendedor de colchóns de Guadalajara que aparece un día por Liar, cansa do alcolismo do seu home.
Lea vai buscar a Sofía á casa, pero esta non lle abre porque ten un ollo morado e non quere que a vexa. Ese primeiro día de clase preséntase Pacheco, profesor de Latín, presuntuoso e amargado. Lea segue integrada no Grupo de Normalización Lingüística. Un misterioso "Picasso Saído" pinta un pene cos testículos polo instituto adiante.
Con seis anos, Sofía non dá subido na bici ata o vello campo de fútbol, e Alberto agarda por ela.
Rafael, traballa nunha xestoría. Alcólico, falta moitos días da casa e malla nos fillos. Cando a muller o deixa, Sofía ten 12 anos e Marcos ano e medio. Desde entón o pai prohíbelles volver pisar Liar.
Un sábado pola noite, Lea (a quen Sofía lle parece fermosa) colócase fumando porros e bebendo mentres Sofía está con colegas.
Cando teñen 13 anos, Sofía nota algo raro en Lea, que refuga o contacto físico, e pregúntalle se lle gustan os rapaces, sen obter resposta.
No mes en que seu pai empeza a bater nela e en Marquiños, Sofía faille prometer a Lea que cando morra mandará levar as súas cinzas ao mar.
Cando se afondiu o Prestige, Lea, concienciada, sabe na aula o que é un cacique.
Non todo é idílico en Liar: tamén hai xente rexoubeira e caciquismo, sobre todo os da comunidade de montes.
Unha fin de semana que non está o pai, Sofía séntese soa co Marquiños e vai Lea onda eles; rifa con esta por lle contar ao neno fantasías, ademais de lerlle a Marquiños pasaxes do Principiño.
Cando nace Marcos, Alberto (idolatrado polas dúas amigas), admirador de Hemingway e progre, pídelle a Sofía que o seu irmán leve o nome do subcomandante zapatista.
De repente, Sofía bota da casa a Lea: está subindo seu pai e non quere que a vexa. Esa noite nunha festa de cumpreanos no Campiño de Santa María, de botellón e drogas, Lea colócase, aínda que ao voltar á casa axúdalle á avoa, que non se vale por si.
Dez anos antes, Paulo, un mangallón duns trece anos, morre intentando cruzar o río en menos tempo do que o tiña feito outras veces Alberto. Lea é testemuña excepcional.
En xuño, recollen as orlas os de bacharelato e rematan os exames de selectividade. Cando Sofía chega á casa, o pai está mallando a Marquiños. Ela interponse e viólaa. Sae desesperada a por calquera droga. Marquiños chama a Lea, que vai onda el á casa. Ata que volve Sofía, coas bragas no bolso e borracha: vén de foder con dous rapaces á vez dicindo que xa é unha puta. De volta na súa casa Lea recibe a noticia de que Alberto morreu en accidente de moto: despídese nun escrito de Sofía e vaise suicidar desde a ponte da Barca, pero impídello Pacheco. Lea pasa o verán en Londres para esquecer todo. Mentres, Sofía, que xa ten dezoito anos, denuncia a seu pai por malos tratos, a quen condenan a sete anos de cárcere. Visita con Marcos en Liar as tumbas de Alberto e Paulo. En setembro, encóntrase con Lea na ferraxería do pai e comentan que Federico o pelotas resultou ser o alumno que pintaba os penes; Sofía cursará Historia en Santiago, nun piso alugado, que lle ofrece a Lea, matriculada en Filoloxía Galega, para compartir, pois ademais Marcos necesítaa. Antes de que saian no tren, Lea únese aos dous irmáns, levando o exemplar do Principiño, que tanto lle gusta a Marquiños.

151 p. - 21x12 cm.                                                          ISBN    84-95491-89-3



Opinion