|
Antoine Joseph Ngounou, licenciado en Dereito,
veuse da súa África natal para continuar estudios en Madrid.
Agardábao no aeroporto un amigo da escola que lle escribira
contándolle o ben que vivía en Europa. Pero axiña descobre
que a súa realidade é outra: vive nun piso vello, sucio e
compartido; non sae pola noite ante a ameaza de bandas xenófobas; os
seus compatriotas non teñen un traballo estable e dignamente remunerado;
as mafias da inmigración aprovéitanse dos que pasan ilegalmente
nunha, ás veces, mortal travesía... El intenta matricularse
na universidade pero nin a embaixada lle xestiona a bolsa de estudios concedida
nin as autoridades educativas aceptan a validez dos seus certificados de
titulación. Matrículase na Escola Oficial de Idiomas para
aprender castelán pero os apuros económicos fan que acabe
arriscándose a vender tabaco nunha boca do metro. Ata outro africano,
para o que vende xelados, o estafa. Só a súa moza, Emma, o apoia,
pois ata os seus amigos o evitan por se ter enfrontado a outro inmigrante rico,
fillo de politicos corruptos. Vénse para A Coruña e consegue
traballo cortando árbores, mal pagado e sen contrato. Pero o amo
adebédalle cartos e vive, como outros inmigrantes, nunha pensión
inmunda. Sen dar regularizado a súa situación, deteno a
policía e ábrelle un expediente de expulsión. Nin dous
avogados nin unha asociación de axuda ao inmigrante, que tamén o
quere utilizar, lle solucionan o problema. Convértese nun clandestino
sen traballo. Desesperado, acaba aceptando que perdeu a batalla en Europa.
Aprendeu que o problema non está na cor da pel, senón no trato
desigual en función das posibilidades económicas.
Regresará á súa terra. Pero ha dedicar os seus esforzos a
que outros posibles inmigrantes non caian na trampa de vir coma el. Sabe que o
progreso de África ha comezar pola educación, desde a cultura
propia. |