|
| Rosa Aneiros:
Ás de bolboreta Col. Fóra de xogo, 123. Edicións Xerais Vigo, 2009 Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009 |
![]() |
Na Luzada, a cafetaría de
Patricia, conflúen cada mañá os camiños que
transitan os personaxes d As de bolboreta, a novela de Rosa
Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de literatura
xuvenil 2009. O de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a
súa nai adoptiva, que comparte varias horas do día co seu
avó. O de Lola e Eusebio, un matrimonio de persoas maiores que viven
soas e deben enfrontar as difíciles decisións que esixen a vellez
e a aparición da enfermidade. O de Iqbal, un mozo de pais
paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas
no metro de 2005. O de Aysel, unha kurda que manifesta a impotencia que sente
pola indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión
exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco. O dos alpinistas do
monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da
fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda
todos os días no bar unha chamada que confirme a chegada dos seus
sobriños a Galicia. E tamén o de Paco e Adolfo, dous homes
covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como
compañeiras de viaxe, e o da señora Filomena, e o de Ana, e o de
Fiño
O xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2009, que
outorgou por unanimidade o galardón a esta novela de Rosa Aneiros,
sinalou que Ás de bolboreta presenta unha estrutura non
xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte
está conectada con todas as demais, un puzzle de pezas engarzado do
mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes da novela;
salientando, ademais, que mediante a conexión do cotián con
outras historias que poden semellar máis afastadas conséguese
unha intensidade narrativa reforzada polo acertado emprego dos rexistros que se
van adecuando aos distintos personaxes que conforman a novela. Para
concluír que Ás de bolboreta é un relato
triste e esperanzador ao mesmo tempo, fondamente humano, solidario e
internacionalista. |
| 232 p. - 21x13 cm. ISBN 978-84-9914-028-5 |
os lectores opinan
|