 |
Novela policial
estruturada en 31 capítulos dunha extensión semellante, segundo
as normas do concurso promovido polo diario no que o texto resultou
gañador. Relata a investigación do asasinato ritual e
sádico dun profesor de instituto. Pero non será o único.
Xorden outros e todos eles teñen en común a aparición
dunha folla de loureiro na boca do cadáver. Sieiro, un policía
solteiro e meticuloso, vai destecendo a trama que o guía por un mundo
nocturno de drogas e sexo até concluír, grazas a un profesor
universitario, que o deus Dionisio e as súas ménades, cos seus
ritos crueis, teñen a explicación do proceder. Descobre
entón, polo camiño, a outra historia agachada naqueles que,
facendo unha vida aparentemente convencional, revelan a súa cara
máis instintiva valéndose da complicidade da noite, dende o
Lourenzo que ao caer o día se converte en Talia e asasina a propia nai
impedida que non comprende a súa transformación ao executivo que
vai á praia espiar as parellas, sen esquecer o propio Valentín,
que finalmente sae do coma e abrázase ao seu amado Mauro, en cuxa
despedida de solteiro comezara todo. De todos modos, o inspector segue sen
resolver o seu propio caso: a soidade non desexada. Porque, unha vez
máis, tampouco a divorciada que respondeu á súa chamada o
vai esperar. |