|
Na
introducción, o autor expón a súa vontade de incorporar a
ficción científica á literatura galega sen
maniqueísmos e para educar na creatividade. Peter, un rapaz de doce
anos que vive nun rañaceos de Atlanta, soña con participar nun
programa da NASA que pretende colocar unha parella e un neno na Colonia
Espacial que se está construíndo en Xúpiter. Logo de facer
correctamente os correspondentes tests, abandona o colexio acompañado
dun profesor e trasládase para Cabo Cañaveral. E chega o gran
día: despega a nave cunha parella de cosmonautas e Peter. Na súa
traxectoria atopan dous pratiños voadores, que confesan seren os
culpables do apagón de Nova York no 65 e liscan. Ao chegaren á
lúa, os marcianos apodéranse de Peter e na súa cidade, de
tubos e animais como os dinosaurios recuperados gracias ao ADN, coñece o
seu xeito de vivir e mesmo o levan de percorrido turístico polos
planetas. Cando lles pide que o volvan á terra (onde xa pasaron anos,
aínda que alí só dous días) contéstanlle que
se desfixo polo enfrontamento nuclear entre os dous bloques. Entón Peter
busca un novo planeta azul apto para a vida animal e ponlle de nome
Breogán. Reconstrúe nel a evolución a partir dos animais
conservados en Marte ata chegar ao home. Lamentablemente, cando todo estaba
rematado no planeta e os marcianos ían deixar só a Peter,
deixando pegadas do seu paso, este morreu dun resfriado. |