|
Conta o narrador de cando, sendo el neno, en días como
aquel de frío e néboa viñan buscar a seu pai médico
para que fose atender algún enfermo grave na Illa de Ons. El
agardábao debruzado na ventá e non daba durmido ata que
volvía. Eran noites boas para a pesca do polbo. Delfina, a criada da
casa, contáralle que os había grandes, capaces de envorcar unha
dorna, como a do Capitán Lobo Negro, a quen un polbo de varios metros
afundiu a embarcación. O mariñeiro apareceu tres semanas despois
cunha mazadura negra arredor do pescozo salferido de puntiños brancos,
como un colar. Unha vez, indo pescar á Illa con Nicolás, foi
testemuña única doutro caso: un polbo enorme, como unhas dez
vacas, levou o home agarrado pola cintura para o fondo do mar cando se botou
á auga intentando izalo ata o barco. Co seu tentáculo musculoso,
axitábao como unha bandeira. O velorio fora moi triste, sen o corpo do
morto, ata que Delfina lle contou á viúva que Nicolás se
despedira coa man, mandáralle saúdos para a muller e os fillos e
despois marchara sorrindo, asubiando. El sabía que non fora así,
pero non se atrevera a levarlle a contra. Entón a muller levantou o
velorio, contando que o home había volver. Concluíu con Delfina
que marchara para a festa de San Roque da Pobra, onde tocaba a Lira de
Ribadavia, que lle gustaba moito, levado polo xastre de Agüeiros, que xa
outras veces se vestira de polbo xigante. Na casa, Delfina, que cría
a súa propia versión, fíxoo rezar durante meses polo
desaparecido, convencida logo de que marchara de troula polos mares de China co
xastre. E enfadábase se el, como seu pai, que sostiña que
Nicolás morrera afogado, dubidaba das súas palabras. Anos
despois, volvera Nicolás. Delfina sempre se negou a dar creto aos que
dicían que viña de Buenos Aires e embarcara en Vigo. Estes
recordos véñenlle á memoria de volta na casa familiar, cos
pais mortos xa hai anos e Delfina, velliña medio cega, que lembra cando
o polbo o levara como un estandarte. El acláralle que levara a
Nicolás. O vento brúa na noite e Delfina reza na cama un nosopai
polo xastre de Agüeiros por se anda polo mar camiño dalgún
puterío. E mándalle rezar a el tamén pois seica un polbo
horrible estáo agardando no camiño da Illa, e desta vez non
é o xastre. O cariño daquela muller obrigárao outra vez a
poñer os pés na terra: por suposto, non iría á
Illa. |