blix



Xabier P. Docampo: Un conto de tres noites
Ilustracións de Xosé Cobas
Col. A letra durminte. Eds. Xerais. Vigo, 2001

Un conto de tres noites

Unha noite de invernía alguén comentou na taberna que non entendía cómo en noites así as illas non marchaban mar adiante. O Visito, bebedor solitario que dixo coñecer unha, ofreceuse a contarlle na súa casa a historia dun home que tivo o mar dentro da cabeza.
Contou dun rei sabio e xusto, Gaoth, a quen lle agoiraran ao nacer que o seu único perigo viría do mar, polo que mandou erguer unha torre na beiramar para vixialo. Unha noite descubriu unha enorme illa, á que ningún barco se podía achegar pois as ondas que a cercaban impedían o desembarco. O sabio Fedhas descifrou nun vello libro que un antepasado de Gaoth, o rei Nair, desapareceu andando cara ao mar buscando conquistar unha illa onde a alma de seu pai estaba confinada e sen poder descansar definitivamente. Debía ser esta mesma illa, na que estarían retidas as almas deses antepasados. Foi Gaoth a ela: un camiño no mar conduciulle a barca... Neste punto, como estaba a amencer, parou o conto o Visito.
No anoitecer seguinte, continuou: Gaoth frecuentou a illa, fermosa e virxe, para recrearse na beleza do lugar. Só para el o mar estaba calmo. Certo día descubriu, agachado no manto de sombra que o tornaba invisible, a muller máis fermosa que nunca vira. Era unha habitante do mar que subira a terra canda a illa, como condena por unha grave falta. Cada día, ela contáballe as súas historias, que el lle refería a Fedhas pola noite para que llas interpretase. De tanta visita á illa, o rei acabou enfermando. Cando pretendeu volver, faltaba a súa lancha. Foi no bote dun mariñeiro e descubriuna no areal. Nesta altura da narración, Visito quedou durmido: estaba amencendo.
Rematou na noite terceira: o rei sorprendeu a moza falando co seu fillo, o príncipe Ailfein, e facéndolle riscos no peito, como contándolle algunha parte das historias que a el lle negara. Furioso, regresou ao reino e ordenou que o prendesen en canto regresase. Cando tal fixeron, trouxo a rapaza durmida, recluíndoa nun sitio secreto vixiada por unha anciá. Entón un vento inmenso devastou a illa, afundíndoa. Só daquela o mar ficou calmo. Pero o rei notou que o tiña todo dentro de si: o mar bruáballe na súa cabeza. Fedhas soubo que a moza era Aileoin, que significa illa, e que lonxe do mar morría. Mandouna traer o rei para confinala no castelo do norte, na beiramar, mais xa esmorecera. O fillo confesoulle que a visitaba mentres o pai estaba enfermo porque lle contara que nada había pasar mentres permanecesen na illa. Cando a volveu ver, o fillo deixou de alentar. E un estrondo levou o cantil co castelo do norte. Nel ían os dous mozos namorados.
Fora o mar que saíra de Gaoth, quen xacía morto. Porque ningún castigo merece ser eterno e ningunha culpa é imperdoable. A illa aínda vaga polo mar, máis só poden vela algúns escollidos...

92 p. - 12x23 cm.                                                                ISBN    84-8302-723-2



Opinion