|
Nova entrega desta colección editada pola
Xunta de Galicia en conmemoración do Día Internacional do Libro
Infantil, coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil
e Xuvenil (Gálix). Recolle catro relatos: DJ Machuquito, de
Xerardo Quintiá, presenta a un rapaz de dezaseis anos ao que lle gusta o
rap e facer reviravoltas co monopatín, que ás veces lle deixa
feridas físicas, pero, en todo caso, son menos fondas e máis
levadeiras que as que lle provoca o seu estado de namoramento. Porque dende que
se namorou dunha nova compañeira volveuse tímido e non se atreve
a declarárselle. Até que no festival do instituto canta un rap a
capela. Ao ver que ela aplaude con entusiasmo, séntese emocionado como
se entrase nun soño. Lourdes Maceiras conta A viaxe en
avión dun acomodador de cine no paro e con dificultades
económicas que vai á voda dun neto e mais dun camareiro que
sobrevive como pode logo de perder o traballo, que busca conseguir cartos
presentándose a un concurso de televisión. Os dous coinciden de
compañeiros de asento e preséntanse como triunfadores. Ao baixar,
collen as bolsas confundidas, circunstancia que lles soluciona os problemas: de
roupa ao primeiro, que asiste á voda co uniforme do camareiro, e da
pregunta máis valiosa ao segundo, que responde con acerto grazas a un
vello folleto que o acomodador levaba na bolsa. Marcos S. Calveiro
dálle a voz en Se un home perde algo a un vello cazador de
recompensas reconvertido en labrego, nun intento de redimirse e devolverlle
á terra as vidas que lle roubou, que reaparecen na súa conciencia
como pantasmas. Eran os tempos do salvaxe oeste americano nos que a vida pouco
valor tiña. Até que o cruel ataque a un poboado apache en
compañía do exército ianqui, que non reparou en arrasalo
levando por diante a vida de mulleres e nenos, e ante a visión dun vello
menciñeiro a quen intenta salvar, provoca unha insólita
reacción: comeza a disparar contra os soldados. Foxe logo e vaga
solitario, até que compra unhas terras cos cartos da última
recompensa e convértese en labrego co duro traballo de sementar na
terra. Finalmente, María Canosa presenta no Café do
Ramón unha historia que o narrador escoitou sendo neno un día
de tormenta da boca dun vello mariñeiro, que contou cando no bar se foi
a luz como a tripulación do seu barco conseguira evitar un naufraxio.
Mais caera un home á auga. Fora el mesmo. Que desapareceu
misteriosamente e oito días despois apareceu morto. |