blix



Antonio García Teijeiro: Trala liña do horizonte
Col. Catavento, 2. Tambre / Editorial Luis Vives
Zaragoza, 2002

Trala liņa do horizonte

Un mozo de uniforme camiña desde o mencer: decidira abandonar a guerrilla, unha guerra que non era a súa. Ao solpor, atopa nunha casa abandonada unha carpeta azul con follas escritas e retallos de xornais con fotos da guerra. Séntase e empeza a ler.
Do que parece un papaventos infantil visto desde o barracón desolador de refuxiados e cando se achega bota bombas.
Do rapaz que pintaba o arco da vella na casa e agora bate no soldado pintado no muro do campo de refuxiados.
K, de 14 anos, atopa nunha casa destruída no centro da cidade a foto dunha nena triste por culpa desta maldita guerra, e tira pedras contra o ceo.
Entre os carros de familias que foxen da guerra, o neno que soñara cun cabalo branco vai a cabalo de seu pai á busca dunha fronteira para sobrevivir.
Do avó que non lle pode contar o conto de dragóns e sereas ao neto, como todos os días, porque marchara cara a ningures nunha embarcación de flores secas naquela aldea perdida.
Vellos e vellas, nenos e nenas camiñan como formigas en fileira a través da terra queimada polo espanto.
Unha nena pega a patadas contra un tanque, un monstro como o que destruíra a casa da súa avoa.
Omar -o pai na guerra, a mai é unha estrela- xoga cos amigos, coma el paxaros queimados na tristeza, que hoxe viron a guerra de preto cando un lle deu unha patada a un proxectil abandonado.
A nena segue indo por auga á fonte de pedras grises aínda que a súa nai e avoa xa non a beberán nunca máis.
Mentres o pai agarda no posto de control (muros de formigón, longos aramados, e soldados), a rapaza cos ollos pechados aínda pode soñar: ao pai xa lle roubaron os soños.
Un home protexe dos disparos ao fillo detrás dun muro de ladrillos, logo salferidos de pingas vermellas do rapaz.
O soldado S cando os paramilitares lle mataron o avó enrolouse no exército; desde que viu matar a dous mozos inimigos desarmados, sempre que ten que disparar séntese mal; ata que decidiu non seguir sendo un covarde e desertou.
Tres nenos xogan cunha pelota entre cascallos, alleos á obscenidade da destrucción e sufrimento.
Roubáronlle o ceo azul no que pintara a nube-paxaro, a nube-beizo,... cando logo dun ruído estrondoso o ceo cuberto de fume deixou de ser un lenzo de soños para converterse nunha saba de medos.
Durhan nunca collera un fusil, pero sentiu que era o seu deber ir loitar para que acabase ese inferno da guerra que facía agardar o peor da noite.
Canso de camiñar entre entullos provocados polas bombas dos avións e corpos de veciños feridos, con rabia guindoulles unha pedra aos soldados, con metralletas: unha lostregada espantosa anuncioulle que o seu xogo acababa de rematar.
O helicóptero aproveitou a luzada da lúa para atacar a vila e unha rapaza viu a súa nai escapando co irmán pequeno en brazos; foino salvar, converteuse nunha nai prematura.
A muller vestida de negro cántalle sen palabras ao seu neno unha cantiga de berce no medio dos disparos.
Sete nenos xogaban coas súas armas de xoguete ata que un día a serpe maléfica da guerra chegou á vila sen avisar; desde entón xogan a sobrevivir entre o terror.
Mentres o día vai caendo, o mozo le emocionado estas estampas da guerra que entra na vida das xentes con cruel naturalidade e sen pedir permiso. Rematada a lectura, caeu da carpeta a fotografía dunha muller lendo unhas letras amarelas enormes escritas nun muro que poñían PEACE. E sentiuse con máis ánimos para continuar: "Trala liña do horizonte ten que haber sorrisos. Trala liña do horizonte ten que esta-la vida. Trala liña do horizonte ten que esta-la paz".
Reprodúcense no final dous artigos da "Convención sobre os dereitos do neno" aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1989.


118 p. - 21x13 cm.                                                          ISBN    84-263-4876-9



Opinion