|
Narra en segunda persoa Tonecho, un rapaz nacido
na cidade que que ten que trasladarse a Rebordechao, unha pequena aldea perdida
na montaña de Ourense, para vivir cos avós unha nova vida sen os
pais. Entre a experiencia da natureza agreste e o contacto cos escasos
veciños decorre o día a día no que se sorprende aprendendo
a vida do campo. Asiste á escola unitaria con Kevin, un rapaz gordecho
dous meses máis novo ca el. Os dous están namorados de Sabela, a
mestra, polo que a súa desilusión é grande cando lles di
que ten mozo dende hai anos. A tranquilidade colectiva apenas se ve alterada
por pequenos acontecementos como unha atípica xornada electoral
presidida pola avoa, nun local ruinoso. Teñen que botar todo o
día, por culpa do Remixio, que se negou a ir votar cando todos os demais
xa cumpriran. E a tranquilidade de Tonecho altérase o día que
descobre un misterioso cuarto con manchas de sangue na casa dos carros. Segundo
Kevin, nela viviu o Home do Unto, mais segundo o avó habitáraa
hai máis dun século un moinante forasteiro, un asasino que matara
unha ducia de mulleres e nenos, que logo levaba ao monte e cortaba en anacos
para que os comesen os lobos. Aínda que a avoa enfadouse ao saber que o
avó lle contaba a terrorífica historia, el soubo tamén
pola mestra que era moi guapo e por iso enganaba á xente, que o
coñecía como o Home Lobo de Allariz. O seu medo aumentou cando
visitando de novo a casa por pouco lle cae enriba o teito de madeira. O cuarto
xa non tiña sangue, que debía ter limpado o avó. Mesmo o
Portugués lle negou a súa existencia. Finalmente, o avó
contoulle que o Home do Unto era moi pequeno, un furrigañas, do que se
dicían que lle sacaba a graxa á xente, o unto, para facer
xabrón que logo vendía nunha droguería. Eran contos da
xente na noite para que os nenos aprendesen e non fosen sós por
aí adiante. Mais si que era real o lobo que viu cando ía de
paseo co can Langrán, que liscou ante a visión da fera.
Tamén el botou a correr. Viu lobos enormes polo camiño e mais un
home grandísimo que o perseguía. Acordou no hospital: como estaba
comendo un bocadillo, ao ver o lobo caéralle ao chan e ao recollelo
debía levar pequenos cogomelos tóxicos que lle provocaron
alucinacións. Cando se puxo ben, foi ver o lobo co avó e o
Portugués, dispostos a matalo. Como era unha loba que acababa de parir
tres lobiños, el pediulles que non a matasen. |