blix



O talismán dos druídas Pepe Carballude: O talismán dos druídas
Ilustracións de Xosé Antonio Rodríguez
Col. Árbore, 10. Serie Azul
Editorial Galaxia. Vigo, 1989

O Consello de Anciáns dos Nerios, habitantes do castro de Amarelle, debate con preocupación sobre o futuro porque se están instalando os costumes romanos entre a súa xente e séntense indefensos ante un próximo ataque do pobo de Roma. O cego druída Arístides, o único que segue vive logo de que Megalikós, besta terrible, acabase cos outros druídas e se instalase nas minas, propón que antes de baixar a elas para armarse contra os futuros invasores, recuperen o Talismán. Só con el poderán acabar co monstruo e volverán os bos tempos. E o único que o pode facer é Kanerez, que debe ir á Fin da Terra e recuperar o Diamante perdido. Todos o aceptan logo de que este pase tres probas que demostran que é o elixido. Desde ese momento chamarase U-xío. Comeza así a aventura que o levará ao Cabo do Mundo para recuperar a pedra preciosa.
Polo camiño demostra o seu enxeño axudando aos Peltoks a liberarse da tiranía do xigante Tom uk Morvah. No Corzán, participa da festa do Samaín. No castro de Oca, regálanlle un dos seus cabalos velocísimos, Euro, e coñece o amor con Briseida. Seguindo os consellos do sabio Dagda, encamíñase á Lanzada, onde dous deuses lle dan un broquel e a espada Rebandoira. Nunha dorna de cristal chega ata a Illa dos Afortunados, na que permanecen os mortos de morte natural, de onde sae nunha aguia. E chega á Fin da Terra, onde, logo de derrotar gracias á espada a serpe/hidra de sete cabezas que tiña aterrados os seus habitantes, recupera no dolmen de Pedra Negra -entre un tesouro que tamén recolle Noembal, nerio rival que se lle adiantara-, o arelado Talismán dos druídas. No camiño de volta uns seres deformes intentan petrificalo acabando coa súa bondade pero coa axuda da curuxa e un gaio consegue retornar ao castro. A simple exhibición do diamante provoca a autodestrucción da besta, entre laios terribles que saen do interior da mina.
Agora os Nerios teñen un novo Xefe Supremo dos Druídas, que guiará o seu pobo aos tempos gloriosos.

104 p. - 20x11 cm.                                                          ISBN    84-7154-678-7



Opinion