| Milagros Oya:
Setna o exipcio Ilustracións de Ralf Jung Col. Montaña Encantada. Amarela Ed. Everest Galicia. León, 2000 |
|
Trátase dun relato de terror, "a medio camiño entre os relatos de Poe e a narración de misterio actual", protagonizado por un mozo chamado Fernando e que mantén a intriga ata o final. A historia narra a dramática situación pola que atravesa o protagonista cando Setna o exipcio se introduce nos seus soños, converténdose nunha verdadeira obsesión para o rapaz. A partir dese momento, Fernando intentará por todos os medios poñer fin a ese pesadelo que domina a súa vida, tanto esperto coma durmido. Para solucionar o seu gran problema, Fernando decide atopar o verdadeiro Setna nos libros que hai na biblioteca. Sen embargo, só consegue un fracaso rotundo, motivo polo que opta por pedirlle axuda a unha vella alcohólica chamada María, da que lle fala súa nai. María ten oitenta anos, vive soa e, a cambio duns poucos cartos que lle permitirán mercar viño, cóntalle uns cantos relatos protagonizados por Setna o exipcio. Despois de acudir en numerosas ocasións á casa da vella María, pouco a pouco Fernando reúne todos os datos que precisa para enfrontarse co seu inimigo e, desta maneira, librarse para sempre do pesadelo que dominou a súa vida durante case todo o verán. |
|
|
Gálix: A nosa literatura infantil e xuvenil
2000 |