|
Resalgario, fillo do Demo Maior, cóase no
carro do pai o día que este adoita dar un paseo polo mundo e recibe como
castigo botar un ano de peregrino a Compostela. Comeza deste xeito a
súa accidentada viaxe en Traslicia. Un dos problemas é a comida:
unhas mazás verdes roubadas fan que teña que espantarlle a morte
ao dono e concederlle un tesouro; na seguinte ocasión, gaña a
comida gadañando na herba; na praia dos golpes, un raposo
ensínalle a coller cangrexos co rabo e intenta enganalo para comelos el
só pero o demo foi máis listo. A súa presencia
física tamén lle ocasiona disturbios: a garda civil deteno pois
vai indocumentado e pode ser un inmigrante ilegal, pero a cambio de comida
axófralles a finca dominando os escaravellos; a xente asústase ao
velo e ata un amante foxe espavorido, aínda que el non pode facer o
"como queiras" coa moza por non lle dar endereitado un pelo do pube. En
calquera caso, os que intentan aproveitarse del reciben despois unha boa mostra
da súa ruindade e astucia. Non todas as experiencias son negativas.
Libra por non o recoñeceren na feira das palabras, onde a xente compra
palabras, pois ao dicilas saen da boca, liscan, e a cantidade delas que un ten
é limitada; ou por non desenganar a Marcos, o evanxelista, que leva
séculos nunha ermida pois o pai de Resalgario enganárao
gastándolle a broma de que aínda lle faltaban outros tantos miles
de quilómetros como os que andara para chegar a Compostela. Cando
falta pouco para chegar ao Obradoiro, recibe por medio dun morto que el sacara
da praza pública na que estaba por non pagar as débedas e que
agora traballa de correo entre a parroquia dos mortos e a dos vivos, unha carta
en clave da súa mai, onde lle expón a fórmula para
endereitarlle o pelo á moza. Eis a súa perdición: logo de
conseguila e despois de darlle os croques correspondentes a San Croques (que
transixiu a cambio de sacarlle a mai do inferno, da que vendera a alma para
poder acabar a súa magna obra), decidiu non marchar co seu pai, que o
veu buscar ao Obradoiro: os bicos da moza puideron con el. |