|
Fran, rapaz de trece anos, escríbelle cartas a
Iván, amigo morto en accidente hai cinco anos a quen bota de menos.
Soñou con el e agora sente a súa presencia a cada minuto. Nas
cartas, que deixa agachadas na parede torta da Carballeira do Agro, o
territorio común dos xogos cando Iván vivía, coa esperanza
de que o amigo as poida ler, cóntalle o que lle está a pasar.
Escríbelle sobre a vida no colexio, sobre a incerteza de estar no
último curso de 8º de E.X.B. e a dúbida de incorporarse a
ESO ou a BUP; sobre os profesores, cada un coas súas rarezas pero en
xeral receptivos á problemática dos alumnos; sobre a
fantástica excursión de fin de curso a Port Aventura; e, claro,
sobre a relación coa compañeira Helena, que lle gusta e á
que lle envía un poema, que ela contesta cunha carta citándoo na
biblioteca. Bo alumno, sen problemas de suspensos no curso, é
tamén un bo lector de novelas que tratan desde unha perspectiva realista
os problemas da adolescencia, polo que non tarda en escribir pequenos textos
literarios. Pero a súa principal preocupación é a
enfermidade nerviosa da mai, que bebe demasiado, discute co pai e depende dos
somníferos para durmir. Fran sente que ela xa non se interesa por el,
polo que cando a mai se intenta suicidar con tranquilizantes, el córtase
as veas, deixando unha carta medio escrita para o amigo morto pedíndolle
axuda. Afortunadamente, vanse recuperando no hospital, pois polas noites
Iván aparecéselle a Fran e axúdalle a recuperar a paz e a
confianza perdidas. |