blix



X. H. Rivadulla Corcón: Os piratas da illa da Esperanza
Ilustracións de Adrián Solleiro

Col. Merlín, 181. Edicións Xerais. Vigo, 2008

Os piratas da illa da Esperanza

Conta Mario Stevenson que soltaran amarras no porto de Corcubión, chegaron á illa da Esperanza e vararon o galeón Praia de Quenxe na praia, logo de abortar un motín do rufián de Silver. Querían que as moedas de ouro do tesouro fosen para pagar os gastos de elaboración dun medicamento que curase da cruel enfermidade a moitos nenos do mundo como o fillo do capitán John Pelo Crecho. Durmiron alí e cando amenceu veu a Garda Civil por eles: esposaron o Vagabundo e a Xan levárono nunha ambulancia.
Isto pasou en Muxía hai 4 anos, cando o narrador tiña dez. Foron el e mais os amigos do Club de Lectores Pedra dos Corvos: tres rapazas, o narrador e mais Xan, que é dous anos maior e mozo de Luísa. No club entrara tamén o Vagabundo, un home misterioso do que os adultos receaban, que un día aparecera no autobús, vivía de vender figuras de pedra e cunchas que el facía e, como non tiña cartos, o ferraxeiro permitiralle instalarse na súa caseta abandonada. Ao primeiro pasaban os rapaces por alí con medo, até que un día el os sorprendeu e pediulles que o deixasen ser do club. Comezaron lendo o seu libro A illa do tesouro. Logo, ocorréuselles escenificar teatralmente secuencias do texto.
Pero todo cambiou un día, cando o capitán, Xan, comezou a sentirse mal. Durante meses non saíu da casa. Tiña leucemia, polo que o levaron para o hospital e caeulle o pelo. Cando o Vagabundo lles falou da gravidade do mal do amigo, Martín propuxo ir rescatalo: sacárono do hospital no coche da súa nai, no porto desatracaron un barco, o Praia de Quenxe, e navegaron cara á illa, pola ría de Corcubión. Así pasaran as horas vivindo na imaxinación a aventura da illa. Até que apareceu na praia de Lariño a Garda Civil, que levou a Xan ao hospital e prendeu ao Vagabundo. Acusárono de roubo de coche, de barco, e rapto, polo que o poderían condenar a catro anos de cadea. Pero resultou que el era o único que tiña compatibilidade con Xan para facerlle o trasplante de médula ósea imprescindible para seguir vivo. Correndo grave risco polo seu delicado corazón, aceptou o Vagabundo. A operación foi todo un éxito. No seu caseto descubriron dous libros de poesía galega dos que era autor e o seu nome auténtico: Marcelino. Pero non volveron saber máis del, que desapareceu cando retiraron as denuncias.
Agora, catro anos despois, o ferraxeiro facilitoulles a derradeira carta de Marcelino, acabado de morrer en Portugal, na que se despide deles proclamando o seu dereito a vivir de maneira non convencional e a emoción da amizade compartida.
Por iso recuperou a aventura pasados catro anos: a modo de homenaxe ao tesouro da amizade.

120 p. - 19x14 cm.                                                   ISBN    978-84-9782-728-7



Opinion