blix



Antonio García Teijeiro: Os peixes de cores
Ilustracións de Xosé Cobas

Col. Merlín, 121. Eds. Xerais. Vigo, 2002

Os peixes de cores

Nunha vila como todas do planeta Terra vive Uli, quen, como sempre lle di seu pai, Perfecto, cando o rapaz manifesta algunha ilusión ou desexo, aínda "cre nos peixes de cores". É o que lle di tamén á muller, Laura, que cada día se volve máis triste, calada e invisible. Unha noite, Uli decide marchar da casa na bicicleta á busca dos peixes de cores para traerllos ao pai e así demostrarlle que existen.
Chega ao Val do Eco, onde un vento rebelde, exiliado do país de Eolo por enfrontarse ao furacán Mitch e que tamén cre nos peixes de cores, lle dá unha caixiña cun pouquiño de vento que lle axudará na súa aventura. Un unicornio fuxido do País da Fantasía para coñecer mundo, que por certo tiña visto os peixes de cores, ofrécese a levalo ao lombo.
Arriban a unha vila abandonada, habitada só por Joe Dell, un home-sombra que a piques está de dispararlle a Uli co seu rifle por intruso, pero cando sabe da súa viaxe cántalle a súa historia triste: do indio dunha reserva de Nebraska a quen por queimar unha bandeira nunha manifestación prendéronlle lume á súa casa coa familia dentro, polo que se veu vivir en soidade. Regálalle un lapis de cores para que lle dea cor a aquilo que crea necesario e unha goma para que borre o que non lle guste. Uli bórralle o rifle e segue rumbo no unicornio.
Aterran onda o mar: nas rochas da praia unha moza moi fermosa toca ao saxo unha canción, aínda que non pode falar pois quedou muda por amor. Atopa tamén a un vello mariñeiro, que lle conta a Uli que un día axudoulle a unha serea a volver do mar, pois quedara nunha pucharca co devalar da marea; volvíaa ver de cando en vez gracias a un pendente que ela lle deixara e namorouse dela. Pero un día atopou no mar o outro pendente e non volveu ver a serea. De recordo, dálle a Uli unha caixa cos pendentes de serea.
Uli segue camiño entre as nubes. Aparece nunha vila en guerra onde se nega a entrar o unicornio. Coñece a un rapaz da súa idade, Marko, que ten o pai na guerra; regálalle a caixa, a goma de borrar e o lapis de cores. Dorme no que fora a escola e ao día seguinte descobre un papel con peixes de cores que pintara Marko, quen, segundo lle explica nunha carta, marchou para un campo de refuxiados fuxindo do paxaro do mal. Na estación sobe a un tren verde, como lle recomendara Marko, pois seica o levará "camiño do corazón". É o único pasaxeiro. Remata a viaxe cando se mete a toda velocidade por un túnel negro.
Soa entón o espertador. Uli xa non sabe se tivo un pesadelo ou fixo unha longa viaxe, aínda que atopa na súa mesa de traballo un debuxo con peixes de cores, e nunha caixiña uns pendentes de coral. Almorza e vai contento ao colexio, asubiando a canción que un día lle escoitou tocar a alguén nun saxo.

106 p. - 13x20 cm.                                                          ISBN    84-8302-786-0



.  
MATERIAIS

  .  Proxectos de Animación á Lectura - Edicións Xerais




Opinion