blix



Ramón Loureiro: A oca de Leonardo
Ilustracións de Xaquín Marín

Biblos Clube de Lectores. Cesuras, 2006

A oca de Leonardo

O 12 de outubro de 1806, andando o Vizconde Chateaubriand de romaría por Terra Santa, decidiu facer un breve intermedio. Dispuxo que se armase a Grande Máquina Voadora, con forma de oca, que lle regalara Napoleón Primeiro de Bonaparte, construída segundo uns planos adquiridos a un anticuario de Milán e atribuídos por algúns a Leonardo. Mandou cargar provisións para, polo menos, 7 días con papel, lapis e un exemplar do Quixote en lingua bretoa. E partiu voando en dirección a Ferrol e Mondoñedo, como lles prometera en Xerusalén aos Padres Franciscanos, desexosos de que o primeiro artefacto voador da Historia da Cristiandade sucase os ceos da Terza Bretaña para saudar así o xa próximo comezo das celebracións do Noveno Centenario de San Rosende, lembrado pacificador da Gallaecia.
A primeira xornada na Grande Máquina voou sobre a Esfinxe e as tres pirámides con enérxicas pedaladas. A segunda xornada, Venecia. A terceira, Lugano, onde pousou a oca no lago para descansar tranquilo mentres a multitude o aclamaba desde a muralla. A cuarta, París. A quinta, na praia que está diante do monte de San Miguel. Na sexta chegou a Ferrol e na sétima arribou o Día das Sanlucas a Mondoñedo e tomou terra no centro do Campo das Bestas, onde xa Merlín o agardaba. Foi recibido por todas as autoridades na Casa Consistorial Mindoniense. Alí botou un discurso falando da súa trisavoa pobre que procedía de alí, da Bretaña Última. Entón un estrondo inmenso interrompeu o seu discurso: sobre Mondoñedo levitaba a xigantesca figura de San Rosende que loou a bondade do reino que acollía os pobres e vellos, aínda que non figure nos mapas. Comezou logo a elevarse no ceo e, aínda que era de día, brillaron as estrelas e dúas lúas, e outra máis que se desprendeu da mitra do santo para se ir pousar nas mans do vizconde mentres o santo desaparecía.
Así foi o Milagre das Sanlucas do ano 1806, cando Chateaubriand lle deu a Mondoñedo o privilexio de custodiar a Grande Máquina Voadora na que el viñera desde Terra Santa, a Oca de Leonardo, que se gardou, despois de desmontada, nun faiado da basílica.
Edición especial con ilustracións a toda páxina e cores, que desempeñan un papel moi relevante na obra.

40 p. - 44x24 cm.                                                         ISBN    978-84-935062-4-7



Opinion