blix



Begoña Paz: Norocai
Ilustracións de Beatriz Parra Moracho

Col. Meiga Moira, 3. Baía Edicións. A Coruña, 2005


Norocai

Nun tempo remoto o mar declaroulle a guerra á terra ata deixarlle só unha pequena illa abandonada nun océano de tebras, Norocai. Gobernada polo rei Cordón, que tiña dous fillos xemelgos, Abdón e Ordón, á súa morte ordenou que herdasen cadansúa metade do reino, mais a mai argallou para que lle tocase a parte do Leste, máis ruín, a Ordón e a Oeste, máis rica, ao seu preferido, Abdón, quen temendo a vinganza do seu irmán levantou un valado de madeira para separar fisicamente os dous reinos.
Quince anos despois do reparto desigual, grazas ao Gran Mago e ás beberaxes que este lle dá á raíña, Abdón consegue ter descendencia. Mais como é unha rapaza, monta en ira. Entón o mago anúncialle que terá tamén un fillo varón e marcha indignado. E nácelle un herdeiro, si, que non deixa de tremer, polo teñen que cortar árbores para que non pase frío. E como cada dez meses nace outro, pasados dez anos ten once fillos pero ningunha árbore, usadas todas para manter quentes os rapaces. Intentan solucionalo cando a princesa descobre un día na abandonada biblioteca o libro de Merlo, o Explorador Real, que fala da existencia de Finirius, máis alá do pantano de Brumaria. Para confirmar a súa existencia, e saber se ten árbores, manda Abdón unha expedición a Brumaria e tamén un espía, Mínimus, ao reino do Leste, do que xa non o separa ningún valado pois a xente desfixera o que había para aproveitarlle a leña. Aprésano os soldados de Ordón, que vive nun pazo subterráneo comunicado por túneles e sen problemas de lume grazas a unha substancia escura que arde nuns caldeiros e dá luz. Regresa Mínimus coa princesa, Admira, que leva un proxecto para quentar a Real Casa sen utilizar madeira, só co líquido do lago, que vale o seu peso en ouro, coa condición de que o rei pida perdón publicamente ao seu irmán por traizoalo no reparto.
Mentres, Caula, co obxectivo de desfacer o feitizo do mago, chega ao lago Brumaria, un pantano pútrido con brétema que lle axuda a atravesar un rapaz, Cepillo, que a conduce ata un bosque fermoso, onde atopan o Mago, que lle conta que o tremor dos irmáns fora unha mala herdanza dun tataravó e que a auga do pantano das Augas Tenebrosas é salgada porque é o mar, no que ela se baña e pesca, aínda sabendo que é perigoso: quere descubrir a verdade por si mesma. Á volta, os irmáns xa non tremen desde que coñecen a curmá, que vai casar con un deles, reunificando así os dous reinos. Mesmo Ordón lles fai unha visita reconciliatoria.
Entón, a princesa decide embarcar nunha nave, que ninguén botaba a navegar, rumbo a Finirius.

159 p. - 20x12 cm.                                                   ISBN    84-96526-18-6



Opinion