|
Conta Isolina que cando tiña once anos
viviu a súa primeira noite de troula, na véspera de San
Xoán. Logo de saltar a cacharela e facer as trasnadas típicas,
descubriu unha estrela moi brillante que resultou ser unha bóla enorme
de luz que se pousou na terra. Estando xa na cama, veuna buscar Paco, o amigo
inseparable, e volveron ao sitio: dunha nave saíron unhas
bóliñas, convertidas despois en seres diminutos con pantalla no
peito, catro brazos, tres ollos, sen pelo e de cores diferentes. Conseguiron
comunicarse con eles e souberon que, procedentes do planeta Feiticeiro,
ían botar vinte días na Terra para estudiar o comportamento dos
seus habitantes. Como eran de diferentes cores, acordaron chamarlles
Coroides. Desde ese momento, fixéronse amigos e compartiron
aventuras, xa que os dous rapaces eran os únicos humanos que os
podían ver. Axudáronlle a Paco xogando ao futbol cos
compañeiros e a Isolina a perderlle o terror á piscina ou no
concurso de adiviñas na festa do patrón. Eran moi sensibles: se
se sentían desprezados, encollían ata desapareceren. Pasaron
rápidos os vinte días, pero aínda non se separaron. Na
súa nave ultrarápida, levaron os dous humanos ao seu planeta,
onde lles ensinaron durante sete días as sorprendentes provincias de
cada un dos sete extraterrestres: a do mar, no que respiraron como anfibios e
xogaron coa neve; o espacio do terror, ao que foron nunha pirámide; a
provincia verde, onde ela se transformou nunha flor e el nun cervo; o museo do
pasado, nas profundidades do planeta; a provincia das notas musicais e froitos
que se converten en xoguetes. A experiencia do última día foi
especial: nunha nube, coa máxica Bóla do Poder dos Poderes,
tiveron que pasar a proba da súa bondade e capacidade de entrega aos
demais axudando aos seus veciños de aldea a recuperar unhas
galiñas desaparecidas ou un gato. E, cumprida a misión,
reapareceron onda os amigos, que a penas notaron a súa tardanza.
Remata Isolina o seu relato explicando que agora, a piques de cumprirse os
cincuenta anos da visita dos coroides, cando lles toca reaparecer, os lectores
deben estar pendentes das estrelas na noite de San Xoán porque se cadra
son os escollidos para vivir unha aventura como a dela. |