|
Ábrese esta
peza de teatro cunha nota histórico-lendaria sobre Berenguela, esposa de
Afonso VII rei de Galicia, León e Castela quen, segundo a lenda, todas
as noites do 24 de xullo, mentres a xente mira no Obradoiro os fogos do
Apóstolo, sae do seu sepulcro na Catedral de Santiago e percorre
libremente a cidade outorgando en dote a todas as mulleres que atopa a
mítica beleza pola que sempre foi loada. Aclárase logo que a
farsa non pretende ser fiel á historia nin ás lendas das que
parte, aínda que beba dunha e doutras, de tal modo que as súas
dúas últimas partes están baseadas na fantasía e no
soño. A seguir, preséntanse os once personaxes, caracterizados
física e psicolóxicamente. Componse de tres actos, enmarcados
nun acto prólogo, un entreacto e mais un acto epílogo. Estes tres
sitúanse nun tempo presente, en torno a un Vello das Pombas, de quen se
burlan unhas rapazas, pero non Comba. A ela cóntalle a historia da
raíña Berenguela, a muller máis fermosa, que pasea a
súa beleza cada 24 de xullo á busca se cadra do home que tanto
amou por un poema. Aínda que unha pega inimiga das pombas pretende
asustalos co seu grallar. O primeiro acto presenta ao Xograr Reinaldos
confesándolle ao seu Cabalo Sinforoso que está namorado de
Berenguela desde que a viu na voda real. Diríxese á Vila do Rei,
onde se van celebrar unhas xustas, organizadas polo monarca á volta da
vitoriosa guerra. Unha doncela opina que ben podería dedicarlle o rei o
seu tempo a Berenguela, pechada na torre. Censuran esta actitude dúas
damas, que tamén critican a morta raíña Urraca, usureira
como una pega que as vén insultar. No segundo, El-Rei Afonso goza das
xustas e a boa comida na compaña do fachendoso Arcebispo
Xelmírez, preocupado polo seu poder. Berenguela négase a
saír da torre, segundo informa a súa doncela, polo que
dúas damas intentan conseguer a chave coa trapela de enviarlle melindres
de Melide. Á torre vaille levar un poema de Reinaldo a pomba Rula, mais
unha pega impídello. O terceiro acto presenta a Berenguela feliz co
poema de amor que cada noite lle trae unha pomba en nome de Reinaldos, a quen
ela non coñece. Até que a mata unha pega, que resulta ser a
envexosa dona Urraca, que acusa de usupadora á raíña e
provoca que caia ao chan cando se bota a voar coas ás inventadas para
ela por Frei Odranoel. Entón, o Xograr Reinaldos láiase da morte
da amada e emprende camiño a Compostela, onde a van enterrar e
reaparecerá cada 24 de xullo. |