|
Chisco, un rapaz de cidade, ten que ir pasar uns
días á Casa do Páramo, onda un tío e unha
curmá pouco maior ca el. A desolación do lugar provoca que o
propio conductor do coche de liña lle regale uns padaos de escornabois
como escudo contra unha posible adversidade. Desde a súa chegada, a
atmosfera atafegante e unha inscrición misteriosa onda un tobo do lobo
provocan nel unha atracción que fai que se aventure a seguir o
tío ata o coto, onde é testemuña da súa
imprecación na linguaxe críptica do libro dos tesouros. Logo,
precipítanse os acontecementos e corre serio perigo. A presencia das
cabras do aire, a fereza dos cans e uns forasteiros avarentos, a camisa de
serpe posta ao pescozo que o defende e un estraño cazador que logo mata
con crueldade ao tío para quedar coas súas onzas de ouro, crean
un ambiente terrorífico, do que el consegue escapar converténdose
en cómplice inocente do terror do tesouro maldito. De tal xeito que
só anos despois, adulto xa, é quen de confesalo todo para os
lectores. |