 |
Reúne tres
historias dos "arquivos de Sheila e Said": A negrura do mar: Conta
Sheila a súa primeira aventura no mar, antes de "Ameaza na
Antártida", no ano 2076. Un día leron que estaban chegando
á Costa da Morte manchas de hidrocarburos, aínda que había
anos que se abandonara a explotación de petróleo e carbón,
substituídos por enerxías máis limpas.
Desprazáronse ata a zona, onde Lela, unha anciá, lles deu catro
cartas (que se reproducen) que lle enviara o seu irmán mariñeiro
Daniel no 2002. Nelas relátalle como a marea negra do Prestige asolagou
as costas galegas e mentres o goberno intentaba rebaixar, enganando, o impacto
ambiental, a xente houbo de facerlle fronte, nunha marea de solidariedade,
á catástrofe ecolóxica. Refire logo Said a súa
dedución de que ao non circular xa barcos petroleiros, o vertido
só podía provir de un afundido anos antes. Alugaron un
transportador submariño e seguindo o vello "corredor da morte" de
Fisterra deron coa orixe: un xigantesco petroleiro afundido no fondo
mariño, con moitas fendas polas que ía escoando a mestura de
hidrocarburos que transportara. Nas illas Caimán, onde estaba inscrito o
barco (oficialmente desmantelado dous anos antes), entrevistáronse co
director do banco a través do que operaba a misteriosa
compañía navieira e conseguiron chegar ata o maior traficante
mundial de petróleo, oficialmente en paradoiro descoñecido,
facilitándolle á policía a súa captura con gran
risco para as súas vidas. A primeira aventura figura no volume
colectivo Historias para calquera lugar e na
edición especial de As aventuras de Said e
Sheila. O misterio do prión recolle a que segundo Said
(narrador único) é realmente a primeira aventura del e a
súa irmá, cando el estaba para cumprir os 9 anos e Sheila xa
tiña 7, polo 2074. En Loreda, o amigo Brais andaba preocupado pois as
avestruces da granxa de seus pais tiñan unha estraña enfermidade:
non rexían coas pernas, volvéranse agresivas e
rañábanse seguido. Buscando na rede informática, Said
atopou referencias a unha enfermidade dos años no XVIII cos mesmos
síntomas: descoordinación no movemento e deteriorización
nerviosa. Ao día seguinte, a granxa estaba en "illamento
biolóxico", controlada por persoal de seguridade. Os pais de Brais
aceptaran unha indemnización e íanse trasladar para a cidade.
Como os veterinarios negáronse a encontrarse con eles, os rapaces
entraron nos seus arquivos informáticos e descubriron que o
mesencéfalo das avestruces e o das vacas afectadas pola EBB ou mal das
vacas tolas, que se dera a finais do 2000 en Galicia (empezara no Reino Unido e
afectara tamén aos humanos), era igual: destruído o seu
encéfalo ata deixalo como unha esponxa chea de buratos. E tamén o
das ovellas dous séculos antes. A culpable era unha proteína
afectada, ou prión, que acababa destruíndo as neuronas do
encéfalo. Na granxa atoparon sacos baleiros de pensos feitos con
fariñas cárnicas, enterrados porque non podían ser usados
na alimentación de animais destinados ao consumo humano. O prión
conservárase nos pensos dunha partida sacada ilegalmente de Gran
Bretaña e almacenada a finais do XX nun país de África,
que anos despois estaba sendo introducida clandestinamente de novo en Europa.
Os pais de Brais, que estaban pasando un mal momento económico, vendo a
ocasión de obter beneficios rápidos, déranllelo de comer
ás avestruces. O profesor Souto, un vello veterinario, felicitounos como
heroes. Estas historias forman parte da serie As
aventuras de Said e Sheila, integrada polos libros Perigo vexetal, Ameaza na
Antártida e O futuro roubado.
|