blix



Xoán Carlos Domínguez Alberte:
A natureza no reino da escuridade (Fírgoas de mocidade aló polo ano de mil novecentos dezanove ou vinte)
Ilustracións de Xurxo García Bello

Deputación Provincial de Ourense. Ourense, 2003

A natureza no reino da

Presenta o autor este pequeno texto dramático como unha proposta escénica inspirada na vida de mozo de Manuel Luís Acuña, a xeito de homenaxe co gallo do setenta aniversario da edición de Fírgoas. Inclúe textos do poeta, desde o título, que é o do portal de entrada do libro, ata os versos que pechan os actos e mesmo material en prosa publicado no voceiro agrarista La Zarpa. Intentando reflectir a paisaxe humana e natural da bisbarra Terra de Trives, tamén recorreu ao relato de Risco O lobo da xente, que contén referencias á xeografía trivesa. A obra incardinouse dentro dun proxecto de dinamización lingüística que incluía, ademais da representación teatral, outras actividades como un certame de creación e investigación ou material pedagóxico para o alumnado da comarca.
No primeiro acto, que se desenvolve nunha taberna de aldea uns homes e un mozo amigo dos libros falan da noite de invernía e de lobos. É quinta feira, o día de ir ás mozas. Nicasio, o borracho, quere marchar só para a casa, aínda que os outros desaconséllanllo. Remata recitando o mozo versos de Acuña.
No acto segundo, dous mozos que veñen de volta de mocear comentan que non hai ninguén nos camiños pois a noite é fera e andan os lobos. Cando se separan, Roque da Leiloa sente a proximidade dun animal grande axexándoo no medo da noite. Sospeitando que é un lobo, dálle un tremendo mocazo na testa, deixándoo no chan morto. Logo atópase con outros dous mozos que andan á busca do burro perdido. Entón decátase de que o animal que matou non era un lobo, senón o burro. Os versos de Acuña volven pechar o acto.
O acto terceiro desénvolvese tamén na taberna. Varios siareiros falan da morte de Nicasio na noite: ía peneque como sempre e caeu da besta, partindo a crisma. Bromean logo co Roque da Leiloa que ao vir das mozas matou o burro do Xerome de Placín, polo medo de que fose un lobo. O cego de Soutipedre canta un romance. E unha moza, Tareixa do Neto, amiga dos homes, repróchalle a Roque que non a fose ver a noite anterior; el contéstalle que porque xa foi outro e lían nunha regueifa con versos de Acuña. Remata Luís cunha despedida en verso da obra, cos personaxes que parolaban na taberna como pano de fondo, pois son os personaxes da súa imaxinación, "que a súa ollada creativa converteu en literatura".

47 p. - 17x12 cm.                                                          ISBN    84-96011-20-8



Opinion