|
Dríar, un rapaz que vive no ano 5045,
observa con abraio na pantalla do ordenador os costumes bárbaros
daqueles selvaxes que conquistaron a lúa, con bichos noxentos como as
moscas e o seu alimentarse de animais monstruosos como os coellos en vez de
comida de concentrados. Aínda que lle chama a atención no
vídeo a felicidade dun rapaz, tamén de doce anos coma el, cun
can. Moncho, en 1985, no seu colexio, na aula de Ciencias Naturais, cando
falan de animais non pode deixar de referirse ao seu can, Lis, tan bo e
xoguetón. Dríar non entende cómo se pode ser feliz
tendo un can, mais o profesor-ordenador explícalle que ese sentimento xa
non ten razón de ser pois están na sociedade perfecta do home
satisfeito que non debe pensar por si mesmo. Pero el énchese de
dúbidas e recorda o seu avó temporólogo, que viaxou no
tempo ata que desapareceu. Antes, aconselláralle que loitara por ser el
mesmo e recuperase a imaxinación. Moncho non pode estudiar para o
control do colexio, pois comeza a ter febre e ten que operar as
amígdalas. Dríar descobre fascinado na factoría de
cultivos hidropónicos o sabor da mazá. Sente que lle
gustaría viaxar ao tempo do rapaz do can e soña, polo que comeza
a ser tratado polo psicólogo. Desexa vestir roupas de cores (e non
uniforme gris), ter un amigo e vivir nun bosque. Sabendo que van intentar
alterar a súa vontade, nunha visita ao centro de temporoloxía
escapa do profesor-robot e métese nunha nave. A súa viaxe no
tempo tráeno á aldea dos avós de Moncho, a quen axuda
cando o avó queda entalado por un carro. Desde entón son amigos
inseparables. Tanto que os pais deste deciden adoptalo legalmente como
fillo. |