blix



Andrés García Vilariño: Miro
Ilustracións de Gloria van Aersen
Col. O Barco de Vapor, 11. Serie Vermella
Editorial Galaxia / Ediciones S.M. Madrid, 1987

Miro

Miro aparecera unha mañá de abril en Trabilde debaixo da guindeira do barbeiro Nicolás, que se converteu así no seu pai adoptivo. Debía ter uns dez ou doce anos e ninguén sabía nada do seu pasado. Era bo, alegre, e a súa influencia benéfica na pequena vila manifestouse no Licho, un rapaz certamente ruín, e tamén nos adultos: Nicolás puido falar a través do espello cos parentes de Arxentina, ao bébedo do tío Arturo deulle por pórse a traballar, a Salomé acepta casar co Cibrán logo de anos de noivado, a palmeira medrou os dez metros que quería o alcalde ou o xastre Isidoro puido ver, fotografar e entrar nunha nave espacial. Miro conseguía que se realizasen os soños da xente soñándoos el.
Os seus mellores amigos eran Licho -arrepentido logo de intentalo afogar no río-, o can sen dono Feluxe -que o salvou, converténdose deste xeito en heroe local- e Minia, audaz rapaza que, gracias a Miro, coa axuda do retrato do avó do alcalde roubou a documentación municipal para un proxecto especulativo de apartamentos, así como os tampóns e selos do concello, impedindo a aberración urbanística.
Un día Isidoro empezou a darlle voltas ao misterio dos poderes de Miro, intentando confirmar que se trataba dun extraterrestre. O rapaz contou que tiña once anos e percorrera distintas vilas, onde sempre o recibían ben pero logo receaban del e acababa marchando. Sabedores todos na vila dos seus poderes, pretendían que lles conseguise as cousas máis dispares. Sen embargo non tiveron reparo en culpalo da desaparición de Minia, que en realidade marchara co pai nunha viaxe de traballo. Entón quen non volveu aparecer foi Miro, visto por última vez onda a ponte sobre o río Albisco. Só este sabe ónde puido ir.
O texto inclúe tres cancións sobre os personaxes coa correspondente notación musical.

134 p. - 19x12 cm.                                     ISBN    84-7154-576-4 / 84-348-2200-8



Opinion