blix



Antón Cortizas Amado: A merla de trapo
Ilustracións de Xosé Cobas

Col. Merlín, 113. Eds. Xerais. Vigo, 2001
Premio Merlín 2001

A merla de trapo

Todo empeza, neste "conto de fadas sen fadas", cando Antonia, a mociña costureira, descobre un día na varanda da ventá un merlo de ferro, coas plumas feitas de reflexos de lúa nova e as ás de flocos de nubes altas da treboada. Co pór do sol liscou voando e volveu durante sete días; o sétimo trouxo no peteiro unha póla de sen-ninguén, esa planta que medra soa, lonxe das outras. Entón a costureira entendeu a súa soidade (pois non existe outro igual no mundo) e decidiu facerlle unha compañeira, unha merla de trapo con retallos de luz parda de anoitecida; con fíos de luar, coseulle melodías que ela ía cantando; de corazón, púxolle un botón de nácara. Logo, marcharon os dous voando.
Antonia tiña sona de costureira fantástica. Como se despistaba nos seus ensoños, incorporaba marabillas na roupa que cosía. Así, fixo unha blusa amarela para a filla do reloxeiro cuns botóns talmente con forma de reloxo que dicían a hora e deixaban soar chíos de merlo, que ela lles cosera con fíos de raiola de lúa.
Tamén puido ler no libro "Historias de ningures" -con todas as páxinas en branco pois nelas gardara a póla de sen-ninguén-, a historia dun rei tirano obsesionado polas engurras que mostraban o paso do tempo e incapaz de soñar. Cando unha vella feiticeira lle botou a sorte do paxariño, que nun rolete de papel lle anunciou que podería soñar se conseguía a herba de sen-ninguén, trouxéronlla á súa xanela o merlo negro e a merla parda. Esa noite soñou. E acordou alegre, falando en ripios e considerado cos súbditos.
A ela mesma, aos dez ou doce anos, aparecéranselle tres paxaros unha vez que quedara durmida estando coas vacas, que volveron soas para a casa pois xa se botaba a noite. Os paxaros guiárona onda un carballo, no que lle escribiron co peteiro cadansúa fermosa historia, que ela soubo ler sen ter ido á escola, ata que a atoparon os pais.
Como soubo ler, poucos anos despois, a linguaxe enigmática do cura esconxurador chamado polos veciños dunha parroquia que non podían rematar a malla porque un nubeiro lugrumante traíalles a treboada. Coa axuda de Antonia, a única que lle entendeu as súas palabras ao revés, o cura meteu o nubeiro dentro dun bocoi. Era un ser moi pequeno, que quedou a vivir cos humanos, a quen ela lle puxo como nome Benvido das Mallas.
Tamén foi benvido un ferreiro novo, mozo guapo e alto que lle foi encargar unha chaqueta de faena con música incorporada que o acompañase na forxa mentres traballaba. Fíxolla, e ademais coseulle dentro do peto que cadra enriba do corazón outro peto pequeniño no que meteu un bico secreto e morno. El agasallouna cunhas tesoiras de coser e descoser. E nesas apareceron a merla de trapo na varanda e o merlo de ferro, que traía o ferreiro. Ensinaron os merlos os seus tres merliños e liscaron, deixando sós os dous mozos namorados.

162 p. - 13x20 cm.                                                          ISBN    84-8302-690-2



.  
MATERIAIS

  .  Proxectos de Animación á Lectura - Edicións Xerais



opinión dos lectores

Nuria 15/04/04

¡Ola! Encántame o libro da Merla de Trapo. Coñecino a partir de que nos dixeron que o día 19-4-04 Antón ía vir á miña escola para firmar o libro. O meu colexio é o C.E.I.P. de Ventín. Saúdos


Opinion