|
A vella Viriato, xabaril femia, conta a
súa vida. Nada no monte, unha familia da aldea criouna. Crendo que
era macho, chamáronlle Viriato, mais cando se decataron do seu erro
pasou a ser coñecida como Viri. Xa de adulta, volvérona á
Serra da Capelada, onde vaga, ceiba e desnortada, descubrindo a grandeza dos
seus espacios: San André de Teixido ou o Pozo do Inferno, vixiado polo
can Cérbero. Pero onde tamén aceixa o perigo en forma de lume que
arrasa ou dos escopeteiros cos seus cans, que a pillan desprevida o primeiro
día de caza. Empeza a facer amigos: Ruza, coa súa
sabedoría de anos e as súas fillas, as Pencas; Vanesa, cerva nada
nunha granxa cinexética, cunha pata rota, inadaptada e soa, á que
non quixo acompañar, víctima logo de tres cans abandonados; e,
sobre todo, o Pillo, un xabarín duns cinco anos que mesmo liou con outro
por ela, para logo deixala. Con el coñeceu o amor e desde entón
acompáñaa a tristeza de non estaren xuntos. Por despeito, tivo
unha relación co primeiro que apareceu, un ventureiro, que a deixou
preñada. Pariu catro bacoriños, que perdeu escapando dos cans de
caza no cortado do Paso do Can ou cruzando a perigosa autoestrada para intentar
ver a súa mai ao outro lado da ría. Ferida con metralla no
espiñazo, e vendo A Capelada estragada polos homes e as máquinas
do seu suposto progreso, que cambiaron os carballos e abeleiras por eucaliptos
e piñeiros, decide volver ao seu fogar onda o home de mans grandes, o
manoplas, antigo monteiro que mesmo cazara con lazos e trebellos, a quen o
evidente deterioro da natureza converteu á causa ecoloxista. Polo
camiño atopei a miña mellor amiga, a Penca, co Pillo:
deixáraa por ela. E aínda que o alcumado o Pardal lle confesou
que estaba colado por ela, seguiu ata a aldea, triste e namorada. Só
quedaban vellos, que a recibiron con alegría. No cortello segue. Coa
espiña amorosa cravada no corazón. |