|
"Eu son
Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais,
pobre". Así comezan os pensamentos, do neno protagonista, no
territorio limitado do mundo rural galego.
Conta neste seu diario as súas experiencias, desde as festas
tradicionais como o Entroido ou as da parroquia ata a vivencia dramática
do loio familiar pola morte do padriño esmagado por un carro, que lle
impide disfrutalas. A morte tamén está presente na trampa para
raposos na que cae o seu can Pachín; alí planta logo unha
cerdeira. Únense deste xeito esperanza e loito, sempre á busca
dun futuro non escrito. Así, cando non pode disfrutar da festa, vai
á rebusca ao campo o día seguinte: atopa unha caixa, que non
dá aberto, e despois lévalle a auga. Con ela marchou o
soño imposible das moedas de ouro.
Neste xogo de contradiccións a emigración pode se o mellor
camiño, como asegura seu pai cando marcha para América o
irmán Miguel, ou unha falsa saída, como defende o
padriño.
Ás veces, certamente, a única saída rebelde contra a
inxustiza é a fuxida. É o que fai cando seu pai lle pega por
enfarruscarlle a cara ao ricachón e mimado Manolito; atópao
Pachín. Na procesión escapa para pillar as canabelas dos foguetes
e dá na casa do xudío, que lle reflexiona sobre a
hipocrisía da xente, que non busca a verdade nin a xustiza. O castigo,
en forma de malleira paterna, dóelle máis na alma que no
corpo.
A escola é frustrante e non abre moitos vieiros. Primeiro, o mestre
andaluz non entende a terra na que está nin o entenden a el. Logo,
namórase da mestra de Betanzos, converténdose nun dos mellores
alumnos. Pero ela casa, marcha e entón Balbino négase a volver ao
colexio.
Seu pai castígao poñéndoo a servir. Parece o seu destino.
Pero aprendeu do xudeu que o que importa na vida é ser honesto,
solidario, e do enterrador que deixando feito algo de valor non se morre de
todo.
Cando emigra o amigo Lelo e comeza a escribirlle contándolle cousas de
alá, aparca a escrita do caderno pois agora ten con quen desafogar os
seus pensamentos. Déixallo a Alberte, universitario que escribe libros,
que disque non llo vai ensinar a ninguén.
É este un texto clásico da literatura infantil-xuvenil galega,
con traduccións a diversas linguas e centos de milleiros de exemplares
vendidos, incuestionado e verosímil testemuña literaria dunha
Galicia realmente existente.
|