blix



Agustín Fernández Paz: Lúa do Senegal
Ilustracións de Marina Seoane

Col. Sopa de libros, 38. Eds. Xerais. Vigo, 2009

Lúa do Senegal

En capítulos que alternan co narrador en terceira persoa, conta Khoedi (cuxo nome significa lúa en wolof), unha rapaza senegalesa de dez anos, a súa alegría por atopar a lúa no ceo, logo de días de nubes. É a mesma que deixou no seu país uns días antes de virse para Vigo coa irmá Naima e a súa nai, para reunirse co pai, que levaba anos traballando e por fin puido traelas onda el. A lúa é o camiño que a leva á súa inesquecible terra. E a súa confidente, a falta da avoa Mamá Feriane, que lle contaba historias tradicionais e a afeccionou a contalas e mesmo discorrelas.
Lembra así, entre a nostalxia que non a deixa durmir, como a avoa lle contaba na terraza, á luz das estrelas e fumando en pipa, a historia do Apañador de Almas, que viña buscar a folla que caía da árbore e levábaa antes de que chegase ao chan, pois as vidas son como follas levadas polo vento, e por iso as almas nunca morren; a das cores, que naceron porque un deus mandoulle a unha serpe quilométrica que as esparexese polo mundo; ou a das linguas, que existen porque a Serpe das Palabras foi soltando palabras polo mundo nun idioma diferente. Da mesma maneira, ela cóntalle historias que inventa á súa irmá, pequena, para que pegue no sono: a do Príncipe das Estrelas, fillo do rei que se namorou dunha estrela, que desexa atopar a Naima; ou a da Melaza dos Fantasmas, na que se meteu un neno perseguindo unha bolboreta e perdeu a alma.
Ao longo de tres meses, dende mediados de xuño a mediados de setembro, ata o primeiro día na nova escola, e seguindo as fases da lúa, a rapaza rememora o pasado, cando o pai tivo que emigrar acusado dun roubo que non cometera, escoita as duras condicións da viaxe do pai (nunha pateira na que morreron a metade) e da súa chegada a Vigo (onde lle deu traballo un home a quen axudou en Madrid cando se encontraba mal) e explora o mundo novo: o piso, a zona do Berbés na que vive... E fai novas amizades, dende a estudosa universitaria Mareime, que está investigando sobre a vida dos inmigrantes, a Beidu, outra senegalesa, e as súas amigas, todas elas de diferentes partes do mundo, aínda que non falta unha nada en Vigo. E tamén viaxa co atlas, percorrendo co seu dedo os países.
Ata que chega o día de ir ao colexio, circunstancia que a ten moi nervosa. Mais o primeiro día non é tan duro como imaxinaba, pois mesmo, animada pola mestra, conta o relato "O príncipe da Lúa": dos sete fillos do rei, de sete mulleres, só un naceu coa lúa chea no peito; unha delas, envexosa, mandou que o matasen e así foi ela a raíña, mais sobreviviu protexido polos animais ata que un día o rei o descubriu e recuperouno como fillo, e a súa nai como raíña. Ao rematar, toda a clase aplaudiu.
Entón aprende que quizá, como o príncipe da Lúa, acabará superando as dificultades e atopando o seu camiño. E, como o baobad, nas temporadas de chuvias acumulará auga para resistir as sequías máis longas ata volver florecer cando as chuvias regresen.Porque se cadra o seu destino sexa inventar historias e contárllelas aos demais no único país que importa de verdade, o que acabamos construíndo coas persoas que queremos E aínda que chegue a sentir que as novas rúas tamén son súas, nunca esquecerá as de Senegal, porque sempre atopará a Lúa de Senegal aló enriba.
A edición incorpora tamén un vocabulario de wolof e mais senllas entrevistas co autor e a ilustradora.

200 p. - 20x13 cm.                                                       ISBN    978-84-9782-556-6



Opinion