 |
Pepe Carballude en
"As desventuras do Home-Can" presenta a Faustino Santos, afortunado
gañador dunha primitiva millonaria e obsesionado por recuperar a
mocidade. Por fin ten o remedio, que lle envía o indio Kechú
desde México, pero como o toma logo do vermú, malia que non se
podía mesturar con alcohol, ¡convértese en can! Busca axuda
nun garda municipal, bótano dun bar deportivista por celebrar un gol do
Celta, o alcalde intenta utilizalo no seu beneficio e un médico amigo
tampouco parece disposto a darlle solución ao seu problema, polo que
acaba acompañando a un borracho. Menos mal que ás 12 da noite
meiga de San Xoán recupera a forma humana. Este relato, con pequenas
correccións textuais e máis desenvolvemento narrativo, publicouse
dous anos despois co título de A historia do
Home-Can. En "A, se cadra, verdadeira historia do Basecus
Anxeliño Viltroeira" Paco Martín conta a vida deste basecus ou
"infraparagone" continuador da tradición dos chufóns, que gababan
ante os futuros sogros as virtudes do mozo que pretendía casar. O seu
traballo, para políticos ou persoas relevantes, consistía en
procurar que a xente non reparase nos defectos destes, acentuándoos en
si mesmo poñéndose ao lado deles, aparentando máis gordo,
feo, etc. Pero tiña un problema: ninguén lle
recoñecía o mérito do seu traballo e tampouco podía
contratar outro basecus para que o resaltase, pois entón
resultaría mellor profesional ca el. Este texto, minimamente
reelaborado, incluíuno o autor nunha nova edición de
Lembranza nova de vellos mesteres En "Querida
avoa" María Victoria Moreno conta a viaxe en autobús de Sabela,
rapaza que, logo da separación dos pais, volve á casa da aldea
onda a avoa paterna. Lembra polo camiño o seu primeiro
coñecemento de Vilariño e mais da avoa, no espacio novo das
moscas e a natureza que a mai preferiría abandonar para marchar á
praia. As relacións con esta logo da marcha do pai deterioráronse
ata tal punto que a rapaza deu en roubar e agachoulle un colar. Busca agarimo
na casa da avoa, onde se reencontrará co pai. |